Distrito Xermar rescata 'A Letra do Reino'

A tipografía medieval galega estará dispoñíbel para descargar en internet
Un dos documentos medievais estudados (Foto: Nós Diario).
photo_camera Un dos documentos medievais estudados (Foto: Nós Diario).

Rescatar, documentar, catalogar e definir con criterios científicos un aspecto, o tipográfico, fundamental da cultura galega, é o obxectivo inicial do proxecto A Letra do Reino, que se presentará esta sexta feira no Arquivo do Reino da Galiza, na cidade da Coruña.

A iniciativa pon en valor a proposta tipográfica baseada en exemplos concretos da escrita a través de fontes documentais, ben en representacións pétreas ou pictóricas, durante a existencia do reino medieval da Galiza. Trátase dunha das propostas seleccionadas polo Fondo de Proxectos Culturais Reino da Galiza da área de Cultura da Deputación da Coruña. 

A Letra do Reino ten, ademais, entre os seus obxectivos fundamentais a actualización, divulgación e disponibilización de todo o material froito deste proxecto. O mesmo estará accesíbel desde a súa presentación, en soporte informático con plena e transversal accesibilidade para todos os soportes vinculados ás novas tecnoloxías. 

Achega á comunicación gráfica histórica

O traballo de A Letra do Reino pon en valor o pasado do país para facer achegas a "unha comunicación gráfica, vangardista e moderna que ten xustamente, na súa historia, e máis concretamente na súa pasada existencia como reino, o cerne da súa vangarda e modernidade", explica Alberte Sánchez Regueiro, de Distrito Xermar, coordinador do proxecto. Sinala a Nós Diario que para levar a cabo a iniciativa tiveron que estudar manuscritos da Idade Media para contrastar e tentar atopar algún tipo de fonte que se empregase de maneira máis habitual". As persoas encargadas deste traballo foron o historiador Miguel García-Fernández e o doutor en filoloxía Ricardo Pichel.

Do seu traballo resultou, segundo o responsábel de Distrito Xermar, "unha serie de letras das que partimos para facer unha tipografía galega coa finalidade última de contribuír á dignificación e caracterización dunha imaxe de país". A tipografía estudada descubriu que non hai "grandes diferenzas" coa que se escribía noutros reinos da mesma época mais si algunhas características singulares nalgunhas letras en particular no caso galego.

Por último, Sánchez Regueiro admite que se permitiron "algunhas licenzas" para rematalo e poder dispor dela "de maneira gratuíta descargándoa de internet".   

Comentarios