Distinguen 'Nación' polo seu fomento da igualdade

O Ministerio de Cultura e Deporte vén de distinguir a longametraxe documental Nación como película “especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero”.

nacion
photo_camera A actriz Mónica Caamaño forma parte do elenco de 'Nación'. (Foto: Nós Diario)

O relato do filme, dirixido pola catedrática da Universidade de Compostela (USC) Margarita Ledo, foi merecedor da distinción de película “especialmente recomendada para o fomento da igualdade de xénero”.

Nación reivindica a loita obreira desde o punto de vista das mulleres e ten en conta as implicacións que supuxo a súa incorporación como forza de traballo, nos convulsos tempos do sector fabril, e faino a través das mulleres da fábrica de cerámica da Pontesa (Pontevedra).

Esta “recomendación” especial para o fomento da igualdade faina o ministerio a través do Instituto de Cinematografía e das Artes Audiovisuais, que estabelece como criterios para a concesión do recoñecemento a difusión dunha “imaxe igualitaria de ambos os dous sexos, sen situacións vexatorias ou discriminatorias”.

Así, entende que Nación “promove a eliminación de prexuízos, imaxes estereotipadas e roles” marcados en función do sexo, para “impulsar a construción e a difusión de representacións plurais e reais”, outra das metas que persegue o instituto.

Recoñecementos

Nación e o seu relato, sobre a loita reivindicativa das traballadoras da fábrica de cerámica da Pontesa, chegaron ás pantallas da Galiza hai tan só un par de meses pero xa atesouran, xunto á súa directora, Margarita Ledo, diversos recoñecementos.

Desde a súa estrea, no Festival Cineuropa de Compostela, a película obtivo o galardón especial á Mellor dirección no Festival de Sevilla.

A súa directora foi recoñecida polo Festival Cineuropa e tamén pola Asociación Española de Investigación da Comunicación (AE-IC), que homenaxeou a catedrática da USC polo seu labor comunicativo.

Comentarios