CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Disney e a desobediencia civil

incribeis1
photo_camera Un fotograma do filme

OS INCRÍBEIS 2

The Incredibles 2

(EUA 2017, 118 min. – Animación) 

Dirección e guión: Brad Bird

Música: Michael Giacchino

SINOPSE

Namentres Bob coida da familia na casa, Helen liderará unha campaña para que os súper heroes e as súper heroínas deixen de se considerar ilegais. 

CRÍTICA

Todo o mundo sabe que “segundas partes nunca foron boas”. Si, é certo… a todos e todas véñennos á cabeza títulos coma O padriño 2, O imperio contra-ataca ou Star Trek II: a ira de Khan, as excepcións que confirman a regra. Pois agora hai que engadir a esta serie a última achega Disney-Pixar: Os incríbeis 2. Como diría Ramsay Bolton… “vaiamos por partes”.

Tocante á animación, non se aprecia unha intención por facer grandes alardes dixitais nin tampouco procurar un máis difícil aínda. Por suposto que inclúe os pertinentes avances técnicos de última xeración (lembremos que pasaron máis de 10 anos entre ambos filmes) conseguindo un acabado e nivel de detalle abraiante onde ata se aprecian as microfibras das roupas, mais o principal era manter a estética retro e o aspecto visual “marca da casa”. Proba superada.

As personaxes están bastante máis elaboradas e definidas. Na predecesora basicamente presentábanse os poderes da familia dos Incríbeis: unha nai elástica, un pai con súper forza, unha filla adolescente coa capacidade de desaparecer, un fillo pequeno súper rápido e máis Jack-Jack, un bebé que aínda non tiña desenrolado todo o seu potencial. Agora era a quenda de afondar máis nos seus caracteres, e que mellor maneira que poñerlles en problemas cotiás? Quen recolle os fillos no colexio, quen leva o xornal á casa, quen limpa a casa, quen cambia os cueiros, a sobreprotección ante unha filla adolescente… Con isto queda asegurada a atención do público adulto. Pero o toque de xenialidade descansa no que fixeron con Jack-Jack. Ben merecería un punto e aparte mais, para non chafar a sorpresa, dicir que é quen máis gargalladas vai sacar ao persoal. Esmendrelle total.

A trama, escrita tamén por Brad Bird, conta co nivel de esixencia que se lle pode pedir, non só a un filme de animación, senón a calquera filme en xeral. Inicio trepidante, premisa que atrapa, desenrolo que engancha, xiros inesperados (en serio) e desenlace que non decepciona. Todo iso aderezado con grandes doses de comedia, intriga, acción e inclusive certo coqueteo co xénero de terror, ademais de chiscadelas a filmes coma Poltergeist, Men in Black, X-Men ou Invasores de Marte, entre outras. 

Para ir rematando é ben destacar que algo está mudando na Disney… ou cando menos iso é o que se deduce das tres sentenzas que deixan Os incríbeis 2 para a posteridade: unha, o “reparto de tarefas” no matrimonio. Dúas, ter fillos considérase “un acto heroico” (sic). Tres, que ante as leis inxustas o mellor é a “desobediencia civil”. Vaites. Parémonos un intre neste punto… 

Resulta que o mcguffin da historia baséase principalmente en que o Goberno activa unha lei que declara os súper heroes e súper heroínas ilegais. Para cambiar esta lei, que consideran inxusta, e recuperar o seu status, a familia protagonista non opta por aterse ás canles legais, non… máis ben deciden desobedecer a propia lei, que os condena ao ostracismo, para facer forza e así cambiala. Unha chamada en toda regra á desobediencia, á rebelión, á anarquía… Abraiante nun filme de animación e máis aínda vindo da ultraconservadora Disney. 

Haberá quen me chame iluso pero auguro que esta premisa, en aparencia inocente, será un xerme que estará latente en milleiros, que digo milleiros… en millóns de pequenas cabezas pensantes que crecerán cun espírito crítico e libertario que vai cambiar o mundo!! (aquí quedan ben unhas risas malignas). 

En fin, sei ben que a Disney non precisa que se lle dea bombo precisamente… pero é que realmente esta secuela está moi ben.

Comentarios