GUILLERMO GARCÍA, DIRECTOR E PRODUTOR DE 'FRÁGIL EQUILIBRIO'

"O discurso de Mújica é case unha receita máxica para a vida diaria"

Guillermo García é o feliz director de 'Frágil equilibrio', un documental que utiliza a voz de José Mújica, ex presidente de Uruguai, para contarnos tres historias sobre o mundo que nos rodea. 

 

 

guillermogarcia

'Frágil equilibrio' é a súa 'opera prima', un filme que é xa a revelación da temporada no seu xénero, logo de gañar o premio á mellor longa documental na Seminci e ser candidato a dous Goya, tamén na mellor canción, composta por Zeltia Montes e interpretada por Uxía. En Galiza pode verse aínda na Numax, onde García estivo a semana pasada presentando un  filme que narra tres historias paralelas unidas polos comentarios de Mújica: dous executivos dunha grande empresa xaponesa, un desahuciado español e un grupo de africanos no monte Gurugu agardando a poder saltar o valo de Melilla.

- Primeiro filme e xa consegues varios premios, dúas nominacións aos Goya e unha distribución comercial, cousa pouco frecuente en documentais no Estado. 
- Si que é certo que os documentais en España teñen unha vida bastante complicada e estamos moi felices, moi agradecidos polos empurróns que recibimos ao longo da vida do filme. 

- Como xurdiu a idea? 
- Nace da observación deste mundo, onde todo está entrelazado, todo se conecta case como se houber forzas que descoñecemos que nos unen. Son historias da rúa, de xente anónima, que era o que nos interesaba. É case un collage de cores, de texturas e de sons. E Mujica por suposto é a inspiración principal. Parécenos que o seu discurso é case unha receita máxica para a vida diaria. Entón pareceunos que o seu discurso fala moito dese mundo que nós queriamos amosar. 

- Como o convencestes para participar?
- Realmente non o convencemos. Amosámoslle o proxecto, pareceulle interesante e sumouse ao barco. 

Uns xóganse a vida para poder alimentar os seus fillos e outros mátanse porque este sistema aprisiónaos, convérteos en autómatas, en robots dentro dunha máquina que non sabemos nin onde está. 

- Son tres historias que falan de persoas que ao final, son carne de canón: o que triunfou dentro do sistema, o que fracasou e o que quere chegar atraído por el. 
- Si, as historias compleméntanse unhas a outras. Son estas e podían ser outras, pero cada unha representa a moita xente: a emigración africana na bahía de Melilla, pero tamén a xente que cruza por mar ao primeiro mundo, aínda que podería ser calquera outro emigrante ou refuxiado, que cambia de lugar buscando unha vida mellor. En Galiza, terra de emigrantes, isto é facilmente comprensible. Logo, ao outro lado do valo, atopámonos un primeiro mundo cheo de contradiccións, onde se segue a desafiuzar todos os días, hai unha crise dura que afecta de moitos xeitos á sociedade. E, no outro lado do mundo, está Xapón, onde se supón que hai abundancia material, hai traballo, e ao final atopamos o oposto ao que hai no comezo da viaxe. Uns xóganse a vida para poder alimentar os seus fillos e outros mátanse porque este sistema aprisiónaos, convérteos en autómatas, en robots dentro dunha máquina que non sabemos nin onde está. 

- O propio Mújica recoñece que este sistema ten "unha forza creadora fantástica". Ti que opinas?
- O ser humano en xeral ten grandes valores, pero por outra banda tamén é un depredador que se depreda a si mesmo. Esa é a base do documental. Vemos que detrás das preocupacións principais dos protagonistas sempre está a morte dunha maneira moi próxima. É contraditorio ter creado unha máquina que funciona moi ben, pero que fai augas por todas partes, porque as cousas máis importante -o valor da vida- non as respecta. Aínda nos queda moito por evolucionar. Logo o progreso pódese valorar e medir de moitos xeitos. Pode haber moito desenvolvemento tecnolóxico pero con moitas fendas por resolver. 

Os africanos déixanse atraer por un sistema tamén, é famoso efecto chamada, que che fai desexar. É ese desexo que xera o sistema e nós mesmos, que ás veces non podemos nin controlar os nosos propios desexos.

- Poderíase dicir que todos os protagonistas son carne de cañón, mesmo os que se supón que triunfaron dentro do sistema, non?
- Si, todos sucumben ao sistema. Os africanos déixanse atraer por un sistema tamén, é famoso efecto chamada, que che fai desexar. É ese desexo que xera o sistema e nós mesmos, que ás veces non podemos nin controlar os nosos propios desexos. Logo está o tema do poder: ao final todos sucumbimos. 

- Mújica augura unha Europa "café con leite" e di que "a revancha dos pobres está na fertilidade dos seus vientres". 
- Preocupámonos por dividir, por erguer valos, tanto físicos como entre as persoas. Temos individuos hacinados pero tamén solitarios, sós. E, ao final, o que realmente importante é que os mesturemos. O sistema intenta deixar fóra a quen non ten, para que o que ten siga tendo moito, e ao final realmente se erguesesemos esas barreiras igual todo se equilibraría como nun proceso de ósmose. 

- Malia ser un filme duro, deixa un certo pouso de esperanza. 
- O que Mújica nos transmitiu foi un valor superpositivo, cremos no ser humano, pero non só hai que crer, hai que actuar. Temos que poñernos a traballar desde xa, desde o noso interior até as nosas relacións co colectivo, para crear un mundo máis habitable e menos egoísto. 

A parte da nominación ao mellor filme documental, optamos tamén a mellor canción, composta por Zeltia Montes e interpretada por Uxía, a súa voz é unha auténtica marabilla.

- Logo está a conexión galega, que ademais de que unha parte da túa familia provén de aquí, vén da man da música, composta por Zeltia Montes e interpretada por Uxía. E que ademais optan a un Goya á mellor canción orixinal. 
- A parte da nominación ao mellor filme documental, optamos tamén a mellor canción, composta por Zeltia Montes e interpretada por Uxía, a súa voz é unha auténtica marabilla. Tamén lle dá voz ás historias, como apoiando e contrapoñéndose ás palabras dos propios protagonistas. Ademais é unha música que ten moito que ver co resto do filme, onde todo está relacionado, e onde mesmo os significados e os significantes cambian os roles. É unha banda sonora salvaxe pero á vez completamente íntima e sensible. E logo está a voz de Uxía, cando por fin aparece unha voz humana, feminina, dunha muller loitadora. 

- E, para rematar, quería preguntarche se tes xa outros proxectos en mente, e se vas continuar nesta liña de documental social. 
- Pensamos que o tema da crise é algo do que hai que falar, sexa co formato e co xénero que sexa, non falo só de documentais. Hai moitos xeitos de afrontalo, e estase facendo de moitos xeitos distintos, unhas máis explícitas e outras máis sutís. E o noso próximo proxecto está tamén aliñado nesta dirección, con historias que se entrelazan, e unha liña difusa entre o que é realidade e o que é ficción. 

Frágil Equilibrio - Trailer (Castellano) from SINTAGMA FILMS on Vimeo.