KEPA JUNKERA, MÚSICO VASCO NO FESTIGAL

“O disco ‘Galiza’ supuxo un punto de inflexión”

O ‘trikitilari’ vasco será un dos cabezas de cartel dun Festigal (24 e 25 de xullo, campus sul da USC, Compostela) no que tamén estarán Poetarras, Arrhythmia, Aldaolado, Fanfarria Taquikardia, Fran Amil e moitos máis. Junkera presentará o seu último disco, ‘Maletak’, xunto coas pandereteiras Sorginak. 

photo_camera Kepa Junkera na Casa das Crechas

- Voltas a Galiza e a Compostela na súa noite máis grande. Desde o teu disco ‘Galiza’ a túa presenza é moi frecuente. 
- Si, desde sempre, todos anos fun sempre tres ou catro veces, tiven a sorte de estar nos festivais máis emblemáticos, colaborar cun feixe de amigos e para min ir a Galiza é unha festa en todos os sentidos. Hai moi bo ambiente, a xente apreza o noso traballo, e imos sempre moi motivados porque hai unha alegría moi especial e dá gusto tocar, a xente sae a bailar. A verdade é que é un dos meus lugares favoritos e non é de agora, xa desde que son músico. 

- Estás levando adiante a xira dos teus 35 anos enriba dun escenario. Aí é nada…
- Parece mentira. O tempo pasa rápido e foron moitas experiencias. E a verdade é que estou moi contento de ter feito unha carreira grazas á música da trikitixa e a partir de aí ter coñecido unha chea de lugares e de culturas, e síntome moi feliz de poder facer algo que é moi especial. Cada día é diferente, e iso é algo que eu valoro moito. Estou moi agradecido ao público, que é fundamental nestes 35 anos, nos que me apoiou moito para facer discos e levar adiante proxectos. E a verdade é que a noite esta de Santiago é moi especial para min. 

Para min ir a Galiza é unha festa en todos os sentidos. Hai moi bo ambiente, a xente apreza o noso traballo, e imos sermpre moi motivados porque hai unha alegría moi especial e dá gusto tocar, a xente sae a bailar.

- Supoño que o segredo da túa lonxevidade é que te reinventas en cada proxecto, non?
- Non o sei, sempre intento facer contrastes na miña carreira, pero sempre deixando o meu selo á hora de levar adiante un proxecto. Pero é certo que antes de ‘Galiza’ fixera outras cousas e este disco supuxo un punto de inflexión, foi un disco que dediquei a unha cultura que eu admiro moito e agora estamos traballando máis no espírito da trikitixa, pero evolucionando un pouco e a partir de aí. O futuro nunca se sabe, pero é bonito poder sentir que cada vez que tocas hai algo diferente ao día anterior, e iso é algo que aplico desde hai moitos anos. Intento nunca tocar igual, e a intención é que cada día sexa único e que se alguén do público vai a dous concertos seguidos poida atopar cousas diferentes.

- Nos teus dous últimos discos asociácheste coas Sorginak, sete pandereteiras que se chaman algo así como “meigas”, non?
- Tamén aquí hai moita influencia de Galiza e de todo o mundo da pandeireta da Península. Inspireime moito nisto. Quería facer algo no País Vasco, pero coas características que teñen estas mulleres. En Euskadi había tradición de pandereteiras, e nestas últimas xeracións, cando xa se puido aprender nos pobos, e todas as escolas. Entón busquei estas mulleres para acompañar a trikitixa, que poidan bailar, que puideran levar esta música, que é de rúa, ao escenario, e a verdade é que son unhas rapazas de Gipuzkoa, que é onde máis afección houbo a este instrumento, e son unha xente nova que captou moi ben o que significa un escenario, porque eu pretendo matizar coa pandeireta a música da trikitixa. E a partir de así foi unha experiencia moi bonita porque a xente está a disfrutar moito da forma de cantar, de tocar e de bailar que teñen estas mulleres. E con isto imos estar este domingo en Santiago, con catro delas, e aí veremos o que fixemos nestes dous últimos discos, o anterior sobre todo, que é ‘Una pequeña historia de la trikitixa’, e este último, ‘Maletak’. A verdade é que estamos contentos, creo que tiveron moi boa acollida na casa, e iso é importante, que a xente vexa que se poden facer espectáculos con instrumentos sinxelos. E logo fóra creo que está gustando moito, porque é xente nova, con moita enerxía, moi alegre e logo a música que propoñemos é unha música que che fai mover os pés e enseguida engancha. 

Na asociación coas pandereteiras de Sorginak hai moita influencia de Galiza e de todo o mundo da pandeireta da Península. Inspireime moito nisto. 

- ‘Maletak’ é o teu disco número 24, segundo parece. 
- Pois non o sei, non os contei. Pero soa ben. Estou contento de facer outro proxecto, eu sempre miro ao presente e ao futuro con novas ideas e a partir de aí, orgulloso de ter podido conseguir facer un montón de proxectos moi diferentes, a pesar de que sempre vai haber un fío en común, pero sempre recordo o meu primeiro disco, cos meus amigos Zabaleta e Mutriku, o disco da Orkestra, ou con moitos colaboradores cos que puiden contar sempre. E estes dous últimos son froito da evolución dos discos anteriores, se non non tería o atrevemento de facer facer un espectáculo só cunha ‘triki’ e cunhas pandeiretas. Para iso tamén  tes que ter unha valentía que está cimentada na experiencia e noutros proxectos anteriores, ter traballado antes con instrumentos máis estándar, e por iso me gusta. Un proxecto baséase no anterior e no anterior e no seguinte. A partir de aí, contento de ter podido facer a miña carreira até o día de hoxe. 

- E para o futuro, como ves os vindeiros 35 anos?
- Eu véxome con polo menos outros 24 discos. Eu sempre estou con moitas ganas e con moita ilusión. E se a motivación me acompaña, que é o principal,  non vai haber problema. A motivación eu creo que é motor. As persoas somos quen de facer cousas se a motivación e o que nos rodea nos axuda a seguir creando. De momento estou con ganas, ilusionado e motivado, e supoño que a partir de aquí seguirei facendo proxectos. Aínda que nunca se sabe porque os que nos dedicamos sempre temos esa incertidume que tamén nos gusta e nos motiva, iso de non saber o que vas atopar ao día seguinte. 

- Unha vez superados estes anos difíciles parece que a partir de agora non debería estar a cousa tan complexa. 
- Eu non o vexo en termos de dificultade ou de facilidade. Eu cando tiña 10 ou 11 anos nun barrio tocando un instrumento eu só, imaxínate falar de tempos difíciles. Eu creo que a dificultade está en cada un. O ser humano é quen de marcarse retos enormes e de conseguir metas importantes se ten ganas de facelo. E a partir de aí, ti non fas algo porque ao teu redor hai unha dificultade. Ti tes que ser valente e apostar por ti mesmo. 

Comentarios