Contracultura

Pablo Caamiña (Sangre de Muérdago): "Este é un disco con bastante carga emocional, centrado no renacer e na volta da luz"

Pablo Caamiña Ursusson lidera a banda de folk Sangre de Muérdago, que vén de publicar o seu sétimo disco, 'O vento que lambe as miñas feridas'. Agora o grupo está inmerso nunha xira europea de presentación que inclúe varias datas en diversos puntos da Galiza entre maio e o Resurrection Fest en xullo.
O músico Pablo Camiña, segundo pola esquerda, nunha actuación de Sangre de Muérdago (Foto: Nós Diario).
photo_camera O músico Pablo Camiña, segundo pola esquerda, nunha actuación de Sangre de Muérdago. (Foto: Nós Diario)

—Despois de tanto camiño percorrido, cal cre que é a evolución deste disco con respecto aos anteriores?
Levamos xa uns cantos, polo que, con respecto ao primeiro, a diferenza é enorme, mentres que non hai tanta entre este e o anterior, Xuntas. Véndoo desde dentro, percibo claramente a nosa evolución, aínda que non sei explicar cara onde vai, porque estas cousas pasan do xeito que pasan. Definitivamente hai unha evolución musical, na lírica e na temática, mais ao mesmo tempo tamén intentamos seguir sendo nós mesmos, que a esencia do que somos non mude.

Evoluciona a nosa música, mais non deixamos os camiños que queremos percorrer, do mesmo xeito que podemos presentar cancións con diferentes formas e instrumentos aínda que o espírito que as une sexa o mesmo. 
Este disco foi xurdindo canción a canción, despois de gravar o anterior, e ademais nun momento no que a vida deu bastantes altibaixos.

Cada canción que facemos absorbe moito do momento no que estamos, polo que de aí tamén xurdiu unha grande inspiración. Comezou a nivel persoal, mais pensei que tamén podía intentar sacar unha mensaxe que fora importante para moita xente a través deste disco porque algunhas veces este tipo de cousas acaban sendo as máis universais, onde todas as persoas podemos atoparnos ao mesmo nivel. 

—Antes de publicar o disco, lanzaron dous sinxelos: 'O vento que lambe as miñas feridas' e 'Wo sich Fuchs und Hase gute Nacht sagen' (Onde o raposo e o coello din boas noites). Por que estes en concreto?
O segundo é o único tema que temos cun título en alemán. Chámase así porque é un dito que se adaptaba moi ben á lírica e á mensaxe da canción e pareceunos algo lindo. Eu vivín bastantes anos en Alemaña e era como unha especie de homenaxe e, de feito, é a canción que abre o disco, por iso tamén quixemos publicala antes. No caso do tema que dá nome ao disco é así porque marca un pouco ese punto no que te estás sentido mal e decides que se acabou.

Comezas a trepar cara arriba, sentindo que a luz está nalgún lugar aí fóra. Este é un disco con bastante carga emocional, mais que remarca bastante ese momento no que comeza a curación do espírito, das nosas ganas de vivir ou de facer, ese querer sentirnos ben de novo na nosa contorna. Podería matizalo de moitos xeitos, mais entendo este tema como a canción do renacer, da volta á luz, do non deixar de loitar para seguir indo cara arriba. 

—Como xa é habitual na banda, é un disco fabricado a man.
Efectivamente, todos os nosos discos teñen sempre versións artesanais. Eu estudei Belas Artes e desfruto moito coa encadernación tradicional, polo que sempre procurei facer traballos que non implicasen soamente a música. Evidentemente a música de por si xa é dabondo, mais sempre desfrutei moito con este engadido. 

Neste caso, agora que estou de volta na Galiza, coñecín o obradoiro Manchea (A Coruña), onde fan este tipo de labores, e desde que lles presentei o proxecto que quería facer co disco encaixamos moi ben mutuamente. Gustounos moito o que facía a outra parte. Creo que a nosa audiencia aprecia moito este tipo de cousas artesanais porque sabe que nas súas mans ten algo feito polas nosas. Non lle resta nada á música, senón que son varias pezas que se unen para facer unha aínda máis grande. 

—A xira europea comezou en abril e estenderase até agosto. Cales son as expectativas nas presentacións deste traballo?
Intento non telas porque penso que é algo perigoso. Vou moi contento e feliz, intentando proxectar sempre de cara a seguir medrando en todos os sentidos á hora de organizar, mais á hora de comezar prefiro ir coa humildade por diante e non dar nada por feito. Penso que o sentimento, ocorra o que ocorra, acaba sendo máis positivo.

Comentarios