sábado 26/09/20

Dirty Barriguitas: 25 anos do son e a furia

En 1991 nacía en Compostela unha formación chave no punk-hardcore galaico. Tocaban rápido e disolvéronse rápido. E iso non foi o mellor.

Dirty Barriguitas
Dirty Barriguitas

As grandes achegas de Santiago á historia da música disque son a carraca e as chirimías da Catedral e un regueiro de experimentos folk que aniñaban naquela zona vella santiaguesa pre-pelegrín con nomes tan daquela maneira como daquela maneira era a súa música. Desde as marxes, contra a aburrida capital eclesiástico-funcionarial, dúas escenas: os cantos de taberna na ruta das tazas e a explosión punk-hardcore que comezou a configurarse a finais dos 80 e rebentou a comezos dos 90. Vite (nazón!), Castiñeiriño, San Lázaro, Conxo... Os barrios picheleiros fervían de música sen partituras: ruido, intensidade e carraxe eran sota, cabalo e rei. Os 80 despedíanse na aldea máis grande de Europa vendo nacer nas súas rúas formacións para sacar o hipo: entre outras, o post-punk joydivisiano de Nicho Varullo ou o hardcore a lume e ferro dos Fame Neghra.

Compostela era unha festa: fanzines, okupa, locais, distri... e bandas

Dirty Barriguitas chegou no momento oportuno. Tránsito de década e fervedoiro musical en Santiago DC. Naceu en 1991 e a intensidade coa que prendeu foi tal que apenas dous anos despois desfacíanse. No entanto, actuacións por Galiza e estranxeiro (Euskal Herria, Asturies, España) e concertos míticos. Como o da pro-okupa de Santa Clara en Santiago no 92 e no que actuaron canda Fame Neghra, Verjalhudos, Trebóns, Bergüenza... Intensidade como non se vivira na capital galega desde que os MCD desembarcaran desde Euskal Herria a finais dos 80 para arrasar cun concerto pro-presos independentistas organizado polo Tarasca (entendámonos: o Tarasca daquela era o Tarasca).

Autoedítate

Treboada edita no 93 o primeiro traballo dos Dirty Barriguitas, un EP partillado cos Fame Neghra. Os Fame achegan 4 temas e os Dirty tres, entre eles un pequeno himno na altura, 'A fume de carozo'. Intensidade, suor e letras en galego, algo non tan habitual no universo hardcoreta galaico. Un split que nunca alabaremos abondo.

Un ano despois os Dirty Barriguitas autoeditan o seu novo traballo, 'Turista Occidental', 11 temas en apenas 20 minutos, gravados xa con coñecemento e dominio do pedal de acelerar. As mil copias esgótanse nun vira-vira. Nesta maketa está o xerme doutro nome mítico, Lixo Urbano, unha das distris independentes por excelencia no noso país, aínda activa. Contábanolo Alberte (ex-Dirty Barriguitas, ex-Por Teléfono, militante aínda en LU, en Samesugas e en Os Novos): “Lixo Urbano naceu un pouco a partir de Dirty Barriguitas. Da súa primeira maqueta editáronse mil copias e esgotáronse moi rápido, polo que decidimos reeditala nós, con xente do fanzine e tamén Mario (do mítico pub A Calexa, na Algalia de Abaixo compostelá), que andaba metido en movidas ‘underground’. Eramos seis persoas as que puxemos en marcha Lixo Urbano, en 1994”. Foi o 1994 unha boa añada para o hardcore galaico: ademais do traballo dos DB sacaron maquetas os tamén composteláns Túzaros e os vigueses Néboa, entre outros. Sentaban alicerces naquela altura os ferroláns Eutanásia Activa (os primeiros na escena en asumir o reintegracionismo) ou os coruñeses MOL (tremendo ao vivo que gravarían no 96), entre outros. Había escena, e moita, fóra do Bravú.

Nos 90 había escena, e moita, á marxe totalmente do Bravú

En 'Turista Occidental' (co obrigado 'Non pagues máis de 400 pesetas' na capa) conviven temas afiados na pedra do hardcore embalado con outros nos que se baixan revolucións para deixarse ir pola querencia skatalítica. As letras, politizadas e sociais, que se dicía daquela. Panfletarias? Bueno, era principios dos 90 e gobernaba Fraga. Introducen composicións instrumentais e poñen o ramo cun tema que podería ser icónico dunha época e unha escena, a compostelá dos 90: “A vida e os seus salvaxes avatares”.

Sepáranse pouco despois. Optan, acertadamente, por non deixar un bonito cadáver polo que se poden atopar integrantes e pegada dos Dirty en formacións como The Lorchas ou os aínda activos Samesugas.

Reunión?

Fanse neste 2016 un cuarto de século dos Dirty Barriguitas. Dixo un paxariño a pé de barra que houbo nestes meses contactos e tentativas entre os que formaron parte da banda para un concerto puntual de reunión neste ano. Unha noticia tan boa non pode ser verdade. Non si?

comentarios