A directora de“Tesouro de Corcoesto” prevé un “final feliz mais provisional”

Seis meses levaba en marcha o proxecto de documental dirixido por Cora Peña. Tesouro de Corcoesto camiñaba na súa produción financiado a través de micromecenádego. Agora, coa noticia da suspensión da mina, a directora fala dun final “feliz mais provisional” da historia. 

Cora Peña
photo_camera Cora Peña

“Cando traballas de maneira tan apegada a realidade sabes que o argumento pode mudar”, comenta a directora Cora Peña, pouco despois de se coñece a decisión de suspender o proxecto de mina sobre o que estaba a producir o documental Tesouro de Corcoesto.. Tratábase, segundo di, “da análise dunha proposta d modelo económico, de vida, un proxecto estendido por outras partes, a megaminería que ameaza non só Corcoesto senón outras terras do país e do mundo”. 

Nestes meses, Cora Peña e o seu equipo seguiu de preto o movemento de oposición ao proxecto de megaminería. “Foi un trunfo da oposición, a presión cidadá foi fundamental para que isto acontecera”, di, sen embargo, non topou “euforia” nas persoas da comarca coas que falou, antes ben, pairea unha certa desconfianza e o temor de que esta suspensión non signifique pechar a porta de vez. “Poden pasar moitas cousas. As concesión son por noventa anos e pode aparecer outra empresa ou tamén poden pasar se a Xunta non compensa á empresa. Digamos que estamos diante dun final feliz mais provisional”, sinala Cora Peña quen confirma, de todas formas, que o documental seguirá adiante, centrándose tamén na  loita veciñal que,  polo de agora, saíu triunfante nas súas reclamacións. “O documental recibiu o respaldo de moita xente que apoiou o proxecto e nós temos que continuar con el. Corcoesto é un dos proxectos hai prospeccións en Fonsagrada, en Tomiño e outros lugares do territorio”, di a directora. “De todas maneiras, hai que ter os ollos abertos porque o método de desgaste é connatural a estes proxectos”, engade. 

En agosto, Sermos Galiza publicaba unha entrevista no seu semanario con Cora Peña na que, naquel momento, afirmaba que estaba a facer un relato en presente. “Agardamos que este proxecto non se leve a cabo mais hai outros lugares que se viron afectados por este tipo de minería. O documental terá tamén crónica xa que participamos en manifestacións, charlas e outras actividades. Descoñécese cal é o estado do proceso, a resistencia popular que existe e a opinión de científicos ou asociacións veciñais” afirmaba entón, cando aínda non se intuía que en dous meses o proxecto ía quedar suspendido. 

Festa en “Enarborar o bosque”

Malia a cautela coa que foi recibida a noticia, é posíbel que a inauguración do Forum de Carballo o 19 de outubro ás 19:00 horas da exposición “Enarborar o bosque” sexa unha oportunidade para conmemorar a noticia. No acto estaba previsto estrear o vídeo “Un milladoiro para Corcoesto” ademais de colaboracións musicais e poéticas.

Comentarios