A directora do CDG retruca as duras críticas de Eduardo Alonso

Fefa Noia, a directora do Centro Dramático Galego, vén de publicar un artigo no que resposta as críticas sobre a súa xestión verquidas nunha entrevista concedida a Sermos. 

fefanoia-peq
photo_camera Fefa Noia, directora do CDG

Nesa entrevista publicada o pasado 11 de marzo Eduardo Alonso, que vén de ser galardoado co Premio María Casares de Honra Marisa Soto pola Asociación de Actores e actrices, arremetía así contra o CDG: "neste momento o CDG é case case -se me apuras- irrecuperable como non se tomen medidas excepcionais e se tomen moi en serio para crear unha institución de produción que permita a creación dun teatro nacional. Pero creo que non vai ser, porque non hai vontade política, que non é o único elemento, pero si é fundamental para poder tirar para adiante".

O primeiro director deste Centro tamén criticou a xestión da actual directora, Fefa Noia: "Os obxectivos que ten o actual CDG son descoñecidos, non sabemos que se pretende, que proxecto hai, non temos unha fotografía de como pensan os que toman as decisións. Non nolo explicaron. Móntase unha cousa ou outra a salto de mata".

Alonso acusou a Noia de non ter proxecto: "Os obxectivos que ten o actual CDG son descoñecidos, non sabemos que se pretende, que proxecto hai"

Diante desas afirmacións, Noia deféndese así no artigo: "Di o señor Alonso que non teño proxecto para o CDG. Por suposto teño un proxecto para o Centro Dramático Galego, de feito era un dos requisitos imprescindibles para presentar candidatura á dirección da devandita institución. Teño polo tanto un proxecto presentado, avaliado e aprobado por un tribunal sobre outros proxectos (...)".

E continúa: "Non se atopan solucións dando puñadas en mesas, portadas despois de berrar un par de verdades (por moi verdadeiras que sexan) ou abandonando proxectos artísticos, a pesar das dificultades que poidan xurdir no camiño. Talvez non sexa esta a postura máis popular, pero creo firmemente que a única forma de buscar solucións é traballando día a día e non desistindo no empeño, sabendo que de cada dous pasos que deamos adiante teremos que retroceder un". 

Noia deféndese: "Tendo recoñecido na mesma entrevista que a súa compañía non se atopa no lugar que el tería desexado, por que non decidiu dimitir el da actividade coa súa compañía hai tempo?"

Noia remata por personalizar sobre o director de Teatro do Noroeste. "E creo que o señor Alonso non só o sabe, senón que o practica. El mesmo tense dedicado á busca de camiños posibles para o teatro galego, vendo e sabendo que algúns dos muros que lograra derrubar se ían construír de novo, en ocasións incluso con nocturnidade e aleivosía". 

E diante da petición de demisión noutro medio, Noia retruca: "Non podo deixar de preguntarme: se el tivera demitido de ter sido eu por considerar que non podía levar a cabo o meu proxecto artístico (logo finalmente si teño proxecto), e tendo recoñecido na mesma entrevista que a súa compañía non se atopa no lugar que el tería desexado, por que non decidiu dimitir el da actividade coa súa compañía hai tempo? Talvez sexa porque, coma min, pensa que é mellor seguir facendo mentres se tratan de cambiar as circunstancias, que permanecer paralizado ou abandonar os nosos propósitos".
 

Comentarios