O director Manuel Lourenzo recibe o galardón 'Cunqueiriano de Honra'

O Concello de Mondoñedo premia o dramaturgo .
O dramaturgo Manuel Lourenzo na homenaxe de onte no Salón Teatro en Santiago. (Foto: Arxina),
photo_camera (Foto: Arxina),

O dramaturgo, actor e director, Premio Nacional de Literatura Dramática, Manuel Lourezo Pérez, recibiu esta terza feira o Premio 'Cunqueiriano de Honra' que outorga o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro. Un recoñecemento xusto e merecido a Lourenzo, natural da localidade veciña do Valadouro e que acumula unha "ampla traxectoria vital vencellada á dramaturxia e á literatura cunha fonda pegada de Álvaro Cunqueiro". Ambos os dous, o de Mondoñedo e o de Valadouro, son coñecedores da forza da palabra, escrita ou recitada, e da riqueza  do galego.

O incerto señor Don Hamlet, "peza dramática en tres xornadas", de Álvaro Cunqueiro, resoou esta terza feira no salón de plenos do Concello de Mondoñedo en voz de Manuel Lourenzo, acompañado no recitado por Armando Requeixo, durante a entrega deste premio.

Relevo

Lourenzo colle así o relevo dun galardón que en edicións anteriores recibiron persoeiros como Víctor Freixanes , Rexina Vega ou César Antonio Molina, entre outros nomes.

A comisión que o elixiu estivo formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), César Antonio Molina (Cunqueiriano de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Abel Vigo García (Técnico de Cultura municipal), Miguel González (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (coordinador de Actividades e Publicacións da Casa Museo Álvaro Cunqueiro). En representación desta comisión, e en nome das entidades organizadoras, Abel Vigo pronunciou a laudatio do homenaxeado.

Lourenzo recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática en 1997 por Veladas Indecentes, o Pedrón de Ouro en 2001, é Socio de Honra da AELG desde 2007 e profesor Honoris Causa da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD). Recentemente foi publicada toda a súa obra en sete volumes.

Comentarios