Os Diplomáticos volven, 'ma non troppo'

Os de Montealto sacaron nova canción, 'A Rabaleira', fixeron un videoclip, subírono ás plataformas dixitais e fíxosenos a boca auga. Haberá novo disco, pensamos. “Pero non”, díxonos Xurxo Souto. Despois de estrear o tema no Festival de Cans, volven desaparecer até que lles cadre. “Temos esa liberdade para facer o que nos pete”.

diplomaticos-cans
photo_camera Os Diplomáticos en directo no Festival de Cans

Este ano fan 25 anos do lanzamento do seu primeiro disco, 'Arroutada Pangalaica', e si, poden facer o que lles pete. Como presentar o videoclip que acompaña 'A Rabaleira' (realizado por Pulpiño Viascón) no Festival de Cans e que lles pase “o mellor que lle pode acontecer a un grupo”, segundo Souto: “Marchounos a luz en plena actuación e mandámoslle á xente que cantase con nós cancións populares e foi máxico, foi un subidón inmenso. Hai 20 anos pasounos algo parecido nun local en Muíños e o subidón foi tal que até vimos un futbolín voando” [risas].

“Non, non imos facer un disco”, reitera o cantante e escritor, para desgraza da xornalista. “Cando chega un texto que che emociona, por que non podemos facer un tema? É que eramos nós: falaba da Rabaleira, de Montealto profundo, e de protagonistas que son veciños nosos”. E insiste na liberdade:  “E de vez en cando podemos facer no que nos pete. É un privilexio e unha felicidade”. 

Os Diplomáticos tocarán a noite de San Xoán con Siniestro Total na praia do Orzán e tamén no Nordestazo Rock de Malpica 

Pero haberá concertos este verán: “o 23 tocamos na praia do Orzán con Siniestro Total, a noite de San Xoán, e logo imos tocar en Malpica no Nordestazo Rock, e estamos moi contentos porque alí tamén fixemos unha canción con outro poeta do mar, Toro de Pito, un mariñeiro malpicán co que fixemos dúas pezas e ímolas recuperar. Así que estámonos reencontrando con amigos da ruta cargados de talento”.

A historia d'A Rabaleira' 

Na contraportada do seu primeiro disco,  'Arroutada Pangalaica', aparecían unhas pedras a carón da Torre de Hércules. Daquela eles non sabían cales eran os nomes daqueles cons, pero anos máis tarde Xurxo averiguou como se chamaban e nun obradoiro literario no Club do Mar da Coruña pediulle á xente que acudiu que escribisen un relato, un poema, o que quixeran, con un dos nomes das pedras percebeiras da Torre de Hércules. 

 Xurxo Souto: “Foi como un mandato da poesía musicar ese poema”

“Aí está a Rabaleira, o Gueivouteiro, Os Coitelos de Terra, os Coitelos de Mar”, conta Souto, “entón esta señora -Teresa Ramiro, mariscadora da Ría do Burgo- apareceu un día con ese poema, 'A Rabaleira', e desde entón sempre o cantei. Foi como unha conmoción cando llo escoitei, foi algo marabilloso. Entón chegou un momento en que lle puxemos música Os Diplomáticos, con naturalidade. E o guitarrista Guni, con esa referencia que tiñamos clara, o tema de Radio Océano, e foi como a cadratura do círculo, porque era un tema que falaba da Torre, do noso entorno, e era como unha homenaxe a Radio Océano, e aínda por riba Teresa díxome que escribira o poema pensando nun percebeiro que se chama Xulio, que sae tamén no videoclip. Digamos que foi como un mandato da poesía musicar ese poema. E logo encargámoslle a Pulpiño Viascón que fixese o videoclip. E non pode haber mellor realizador para darlle ritmo ao videoclip que o noso propio batería”.

Comentarios