Os Diplomáticos na homenaxe que A Coruña lle tributa a Manuel María

Esta noite rock e música de cámara danse a man cos versos de Manuel María, no espectáculo “Lúas de Outono” que terá lugar no Teatro Rosalía da Coruña.

luasdeoutono
photo_camera Alberte Ansede, Goretti Sanmartín, Saleta Goi e Xurxo Souto na presentación de 'Lúas de outono'

Cando se cumpren doce anos do seu falecemento e sendo este o ano en que se lle dedicou o Día das Letras Galegas, Manuel María recibirá a homenaxe da cidade que el escollera para vivir unha vez chegado á súa xubilación. O Teatro Rosalía da Coruña acollerá o espectáculo “Lúas de Outono” que a Fundación Manuel María de Estudos Galegos vén celebrando anualmente por estas datas e que este ano xa chega a súa edición número oito. Será hoxe terza feira ás 20:30 horas, sendo a entrada gratuíta e libre até completar o aforo.

No espectáculo, os poemas de Manuel María sentiranse a ritmo de rock e de música de cámara con Os Diplomáticos de Monte Alto e o Grupo de Cámara composto pola soprano Esperanza Mara, o piano de Miguel Vizoso, o clarinete de Marina Abuín que interpretarán cancións musicadas por Xosé Carlos Seráns. Os Diplomáticos teñen máis de 25 anos de percorrido musical, con algunhas interrupcións, mais sempre desde Monte Alto, o barrio da cidade en que tamén se asentou Manuel María cando pasou a residir na Coruña. 

Na presentación de “Lúas de Outono”, o seu líder Xurxo Souto confesou unha “alegría infinita por participar neste acto cargado de dignidade e beleza”. Lembrou a intensa relación de Manuel María coa Coruña e, en especial, co barrio de Monte Alto e afirmou que “coa súa palabra, a súa obra, todo se ilumina e aparece un país” para destacar que “foi Manuel María quen inventou a música galega, iluminouna co selo Xistral e os seus temas foron musicados en infinidade de ocasións. Hai máis de cen poemas del musicados e ás veces cantamos cancións que nin sabemos que son del”.

En canto ao Grupo de Cámara, está composto por diferentes profesores de Conservatorio e integrantes de distintas formacións que se uniron para homenaxear a Manuel María executando a música creada por Carlos Seráns.

Música e Manuel María

O secretario da Fundación, Alberte Ansede, manifestou na presentación do acto que nas “Lúas de Outono” “sempre procuramos que a obra literaria de Manuel María chegue ao público mediante as máis diversas manifestacións artísticas”. Efectivamente, nas edicións anteriores os protagonistas foron a música, o teatro, a creación audiovisual, os recitados poéticos, a danza e a maxia. “Na presente edición volvemos á música, mais en estilos completamente distintos á edición anterior: incorporamos por primeira vez o rock e a música de cámara nun intencionado contraste que mostra que da boa poesía pódense facer lecturas musicais moi diferentes e emocionar a públicos moi dispares”. 

Isto é o que tratarán de facer os Diplomáticos de Monte Alto coa súa proposta de rock bravú e as composicións musicais de Carlos Seráns realizadas para o Grupo de Cámara que interpretarán cinco pezas sobre poemas de Manuel María. A presidenta da Fundación Manuel María, Saleta Goi, agradeceu a colaboración institucional e artística na homenaxe e destacou esa intensa relación que, ao seu ver, e na obra de Manuel María, existe entre a música e a poesía.

“Para nós é unha honra contribuír a difundir o seu legado. Este ano fixemos un esforzo para que a súa palabra chegase ás bibliotecas municipais e os concellos da provincia e agora queremos tamén colaborar en que, máis unha vez, a súa obra se escoite, que a súa poesía sexa lida, recitada e cantada, que é un dos obxectivos da Fundación Manuel María, tentar que os seus versos cheguen de maneira directa tanto no recitado como nas cancións”, sinalou na presentación do espectáculo a vicepresidenta da Deputación da Coruña, e responsábel da área de Cultura.