luns 24.02.2020
Entrevista

Azul&Vaca: "É difícil atopar multimedia infantil en galego"

A aplicación móbil Azul&Vaca é resultado dun traballo coral no seo familiar
De esquerda a dereita, Asier Otero, Antía Otero, Natalia Bartolomé e Ismael Otero.
De esquerda a dereita, Asier Otero, Antía Otero, Natalia Bartolomé e Ismael Otero.

Hai poucos días que se pode descargar unha nova aplicación móbil: Azul&Vaca. Destinada ao público infantil, é un dos poucos contidos destas características que en galego. Detrás do proxecto non se atopa unha empresa, senón unha familia formada por Ismael Otero, Natalia Bartolomé, Asier Otero e Antía Otero. De feito, "xurdiu como unha sorte de xogo que foi indo a máis até chegarmos a isto", relatan.

Que atopamos na app Azul&Vaca?

É unha aplicación destinada ao público infantil que procura, fundamentalmente, ofrecer contidos en galego para ese franxa de idade. Cando tivemos nenas pequenas decatámonos de que hai moitas apps para ese sector en inglés ou castelán, mais en galego tiñamos en xeral dificultades para atopar contidos multimedia. Por iso procuramos comezar a encher ese nicho. Vimos esa falta de apps como unha oportunidade e puxémonos a traballar coas cativas para que puidesen ver todo o proceso de creación (deseño, maquetación...), participando activamente. 

É daquela unha app para nenas deseñada por nenas?

Foi un traballo coral de toda a familia. A nena, Antía, que ten 12 anos, foi a que participou máis. É unha aplicación moi humilde e sinxela, mais o produto é resultado da súa implicación.

E depois decidiron poñelo a disposición de todo o mundo para paliar esa ausencia de apps en galego.

A ilusión de que chegase a saír algo á luz tiñámola desde un primeiro momento. Porén, eramos conscientes de que igual non conseguiamos un produto que se puidese partillar, pois é un proceso complicado (que con todo sería proveitoso, especialmente para as crianzas). Dentro da súa humildade, si que gustaba cando a compartiamos co público máis próximo, sobre todo porque responde a un nicho no que non hai moita oferta.

A relación entre apps e crianzas ten moita polémica. Como a observan?

Claro, aí hai moita controversia. Eu non exerzo, pero son de profesión mestre de educación infantil. Esa problemática efectivamente existe, pero ao final somos conscientes de que a gran maioría das crianzas acaban accedendo a contidos de moitos tipos a través do móbil. No noso caso, non cremos que as apps en si sexan malas, todo depende do emprego que se fai delas. A nosa pretende un uso compartido entre o público infantil, de rango de idade moi curto, e a familia. Nese senso, entendemos que pode axudar na educación de nenas e nenos.

Presentaron esta primeira app xa coa promesa de que virían novos traballos. Están xa en marcha?

Si, xa temos varios proxectos. Parece que isto xa non para. Repito que o facemos de maneira amadora e desinteresada, así que chegaremos ou non chegaremos. Mais si que temos máis ideas en marcha que non tardarán en ver a luz. 

comentarios