'Confín dos verdes castros e valeroso clan!'

Diego Piay Augusto: “Trega agocha informacións que poderían modificar o que coñecemos sobre a incorporación do territorio da actual Galiza a Roma”

O arqueólogo e profesor da Universidade de Oviedo Diego Piay -cunha tese sobre o priscilianismo- repara en que un dos elementos máis sorprendentes do poboado da Guarda é o que poderíamos denominar a “economía da auga”. Unha nova entrega do coleccionábel ‘Confín dos verdes castros e valeroso clan!’.

CREATOR: gd-jpeg v1.0 (using IJG JPEG v62), quality = 60

O castro de Santa Trega, como dis no teu traballo, é un dos máis coñecidos da Galiza. Aínda ten secretos que poden saír á luz pública con novas escavacións? Os achádegos que teoría poderían confirmar ou desbotar? É realmente Santa Trega un castro "cabeceira" en relación a outros nas beiras do Miño ou non hai probas que confirmen nin desmintan esta hipótese?

Tendo en conta a porcentaxe escavada do xacemento en relación a área sen escrutar, é seguro que o Trega agocha aínda moitos datos de interese. Cada unha das campañas realizadas supuxo o descubrimento de novos datos, e tamén de novas preguntas, pero o coñecemento amplíase con cada intervención.

Se podo expresar a miña opinión, creo que un dos datos mais interesantes que pode revelar ten que ver coa ocupación do xacemento. Cando falamos do seu abandono no século IdC… Pode falarse do abandono xeral de todo o conxunto? Ou soamente  dalgunhas zonas? Outra cuestión interesante sería localizar o núcleo orixinal do xacemento e descubrir a que época corresponde a ocupación más antiga. Se falamos xa do proceso de integración do noroeste da península no imperio romano, estou convencido de que o de Trega agocha informacións que poderían completar ou modificar os datos que coñecemos sobre a incorporación do territorio da Galiza actual a Roma.

“Os restos do Trega non son importantes unicamente pola súa monumentalidade, o seu valor artístico ou arquitectónico. Son testemuñas mudas dun pasado que forma parte de nós, habitantes actuais deste territorio”

A importancia deste asentamento en relación ao intercambio comercial co Mediterráneo parece evidente, mais, había relacións directas entre estes castros e os da súa contorna xeográfica? E en relación a outros máis alonxados (fóra da cunca do Miño e que non foran costeiros)?

As relacións entre castros existiron, aínda que non sempre son sinxelas de rastrexar. Temos que ter en conta que un dos poucos medios para percibir os contactos son os restos da cultura material. Estes xacementos non deixaron testemuñas escritas, polo que a única forma de percibir os contactos é o emprego das mesmas tecnoloxías, a aparición de similares modelos decorativos nos recipientes cerámicos, as técnicas empregadas nas construcións, a morfoloxía dos poboados… En base a estes criterios definíronse zonas dentro do noroeste nos que parecen existir similitudes que nos permiten falar de relacións ou contactos comerciais entre os poboados.

Tamén se ten falado da xerarquía entre os xacementos, sendo posíbel que algúns deles tivesen unha posición preponderante sobre outros da mesma zona xeográfica. E despois, coma sempre, temos as testemuñas escritas. Gústame recordar o texto de Paulo Orosio, presbítero da igrexa de Braga, que no século V escribiu unha obra chamada “Historias”. Nela recorda a coalición dun exército composto por 60.000 galaicos que se enfrontaron o exército romano de Décimo Junio Bruto no 137 aC. Aínda que se ten falado moito da veracidade ou non da cifra aportada por Orosio, creo que o mais importante do texto é valorar que non se trataba de asentamentos illados con respecto o seu entorno, se non que existían fortes lazos entre eles.

Como se debe vincular a dimensión turística que innegabelmente ten o asentamento con que a poboación coñeza e valore a rica historia que hai detrás das casas de pedra que se observan a simple vista?

A terceira pregunta reflexa unha das cuestións máis problemáticas en relación coa protección dos xacementos arqueolóxicos. Na miña opinión os restos do Trega non son importantes unicamente pola súa monumentalidade, o seu valor artístico ou arquitectónico. Son testemuñas mudas dun pasado que forma parte de nós, habitantes actuais deste territorio.

Non se trata soamente de aproveitar simplemente a riqueza estética dun lugar mol fermoso. É fundamental ligar o físico co espiritual, a pedra coa historia, o Trega coa Galiza actual. Para conseguir iso é necesario reconstruír a historia do lugar a partir dos achados arqueolóxicos e do seu estudo. E antóllase fundamental escribir sobre estes xacementos en ámbitos científicos e non científicos, pois non debemos esquecer que o único que quedará no futuro serán as palabras escritas, as investigacións plasmadas en libros. É

 por iso que aplaudo a iniciativa deste xornal, que pretende valorizar o noso pasado a través da publicación de datos contrastados sobre algún dos principais castros coñecidos en Galiza.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios