Diego Bernal Rico: "Os apelidos conservan o léxico tradicional, non hai ninguén que se apelide 'Graneiro'"

Através Editora vén de tirar do prelo 'Apelidos da Galiza, de Portugal e do Brasil. Chaves e segredos da nossa onomástica', que asina o profesor Diego Bernal Rico, un convite a abrir o "misterioso baúl dos apelidos" para coñecer mellor a nosa identidade individual e colectiva. Conversamos co autor sobre esta achega. 
Diego Bernal Rico [Imaxe: Alberto Pombo].
photo_camera Diego Bernal Rico coa súa nova obra. (Foto: Alberto Pombo)

-A onomástica é unha disciplina que cada vez esperta máis interese entre a sociedade, quizais por sentila como unha cuestión moi persoal, incluso íntima. Que o levou a abordar esta temática a través desta tripla vertente?

Desde pequeno sempre me chamaron a atención os apelidos. Todos nós convivimos con eles. Por exemplo, xa na escola eu tiña moitos compañeiros que eran chamados polos seus apelidos directamente e non polo nome. Era unha cuestión que vén de vello, mais cando realmente me centrei nesta temática de maneira máis profesional, por dicilo dalgunha forma, foi cando cheguei ao Brasil

Fun lector de lingua e cultura galegas no Río de Xaneiro e alí impartía materias para alumnado de Filoloxía portuguesa. Entón, procurando elaborar un tema que fose atractivo e que ligase o galego co brasileiro, decateime de que os apelidos eran un punto de partida moi bo, mesmo porque os propios brasileiros teñen apelidos comúns a nós. Foi así como comecei a traballar esta cuestión. 

-De feito, no prólogo do libro, que asina o profesor e lingüista portugués Marco Neves, este define como sorprendente a cantidade de apelidos que comparte o galego co portugués. E posibelmente moitos galegos e galegas tamén queden sorprendidas. Recibiu ese mesmo ‘feedback’ do Brasil?

Sabes que acontece? Que no Brasil a Galiza practicamente non existe. Non é como en Portugal, sobre todo no norte, onde practicamente todo o mundo coñece a Galiza, e no sur mesmo hai intelectuais que saben da cuestión galega… Mais no Brasil, a nivel popular, a Galiza directamente non existe. Non obstante, o que si hai é unha vontade moi grande por coñecer as raíces porque practicamente todo o mundo ten antepasados na Europa, en Asia, en África… É un pobo construído coa chegada de xente das diferentes partes do mundo. Entón, hai ese interese por saber de onde proceden. É unha necesidade que senten moi diferente á que pode sentir, por exemplo, un portugués, que seguramente lle chame a atención o feito de que haxa apelidos como Oliveira ou Moreira alén do Miño. 

-Máis alá da información etimolóxica sobre cada apelido, tamén ofrece ás e aos lectores pequenas pílulas informativas nas que recolle curiosidades, baixo o título de “Sabías que...?” ou “Dica lingüística”.

O feito de traballar anteriormente a antroponimia permitiume ver esta disciplina desde outras perspectivas. É unha materia que ten moito para mostrar nunha aula de lingua porque ao final os apelidos tamén entran dentro do léxico. Pareceume importante, sobre todo para a sociedade galega que descoñece ou que ten, infelizmente, un nivel de lingua baixo, tentar achegar algo pedagóxico para mellorarmos o noso galego

Por outra banda, aproveitei as temáticas culturais para crear un diálogo coa cultura portuguesa e brasileira, por iso tamén inclúo nomes de artistas coñecidos de Portugal e do Brasil a canda nomes galegos. É un pouco ao que me gustaría que aspirase a cultura galega, a ter ese diálogo de igual a igual con Portugal e co Brasil e que iso servise tamén para mellorar o noso idioma. 

-Como seleccionou os apelidos? 

A escolla responde a dous criterios. En primeiro lugar, optei por apelidos que fosen moi comúns, que todo o mundo coñecese. Neste sentido, parecíame unha cuestión atraente que podía convidar a máis lectores e lectoras a collelo. Por iso tamén inclúo esa parte dos patronímicos, que na Galiza, en concreto, son os máis comúns. 

En segundo lugar, o resto dos apelidos xa foron seleccionados por un criterio máis persoal. Optei por palabras que me parecían interesantes para comentar por algún aspecto cultural ou lingüístico que me resultaba relevante. Foi máis aleatorio, pensando tamén nesa vertente máis cultural. 

-Que apelidos situaría entre os máis singulares?

Dos que talvez poidan ser menos comúns temos o apelido Celeiro, por exemplo, moitas veces castelanizado en *Sillero, e que fai referencia posibelmente a esa vila do norte da Galiza. É un léxico interesante porque moitas persoas collen a palabra do castelán *granero e pseudogaleguízana en *graneiro, cando realmente en galego teriamos que empregar o termo celeiro. O mesmo pode acontecer con Pedreira, pois é moi común que a xente use a palabra canteira [incluída no dicionario da Real Academia Galega], para min un claro calco do castelán, que sería de onde se extrae a pedra.

O bonito dos apelidos é que conservan o léxico tradicional, sen esa influencia do castelán, e, nestes dous casos, vese claramente. Non hai ninguén que se apelide *Graneiro nin ninguén que se apelide *Canteira. Aí tamén radica o interese.

Unha aproximación á lusofonía

Baixo o título Português do Brasil. O galego tropical (Através, 2020), Diego Bernal Rico achegouse ás relacións de parentesco e ás diferenzas entre o galego, o brasileiro e o portugués. Unha etiqueta, a de "galego tropical", que naceu cando o autor chegou ao Brasil. "Portugal é unha continuidade da Galiza, está moi próximo en todos os sentidos, mais o Brasil é un país totalmente diferente, con xente de todas as partes falando dunha forma moi próxima ao galego", conta.

Preguntado polo estado das relacións entre a Galiza e a lusofonía na actualidade, Bernal Rico considera que existe unha mellora a día de hoxe, grazas á mobilidade de moitas galegas e galegos, que viaxan ao Brasil ou teñen trocas entre universidades. "Hai certo contacto", valora, mais "estamos moi lonxe do que precisamos para sobrevivir como lingua de cultura", conclúe.

Comentarios