Diego Ameixeiras e Ana Acuña, Premios Losada Diéguez

Conduce rápido de Diego Ameixeiras e Conciencia política e literatura galega en Madrid, de Ana Acuña, os dous publicados por Xerais, son os títulos gañadores da 30 edición do Premio Antón Losada Diéguez que se fallou este sábado no Carballiño. 

Fragmento capa de Conduce Rápido
photo_camera Fragmento capa de Conduce Rápido

A nova novela de Diego Ameixeiras, Conduce rápido, é o libro de narrativa escollido polo xurado do Premio Losada Díéguez para a súa 30ª edición na modalidade de Creación Literaria. Da obra de Ameixeiras, o xurado destaca, entre outros valores, a “proximidade da linguaxe ao público máis novo”, ademais do retrato de personaxes contemporáneos e a boa recepción que a obra tivo entre lectores e lectoras e tamén no ámbito da crítica. Novela negra ambientada en Compostela, crónica social e de sucesos na que Ameixeiras dá un paso adiante na liña que inaugurou con Historias de Oregón e seguiu en títulos como Matarte lentamente, Todo Ok ou Dime algo sucio, o seu anterior libro.

En canto ao premio de Investigación e Ensaio, o xurado do Losada Diéguez optou por destacar a obra Conciencia política e literatura galega en Madrid, de Ana Acuña ao tempo que destaca o seu rigor no estudo da presenza de galegas e galegos en Madrid no período 1950-2000. Os premios entregaranse o vindeiro 13 de xuño no pazo da familia Losada en Boborás. 

Comentarios