Mostra sobre os anos santiagueses dos artistas

Díaz Baliño, Díaz Pardo e Compostela

Entre 1920 e 1936, a de Camilo Díaz Baliño foi unha presenza fundamental na cidade de Santiago de Compostela. Escenógrafo, pintor, deseñador gráfico, o seu traballo nos anos composteláns forma parte principal da modernidade artística galega. Eses 16 anos foron tamén o tempo que compartiu co seu fillo Isaac Díaz Pardo. Porque en 1936 foi asasinado. Unha mostra, que se inaugura a terza feira 9 de outubro, repasa esta historia.
 

cartaz expo camilo díaz baliño
photo_camera Detalle do cartaz da exposición sobre Díaz Baliño e Díaz Pardo.

Camilo_Díaz_Baliño_con_Isaac_Díaz_Pardo_en_1925

A exposición chámase Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela. Con Galiza sempre no horizonte. Comisariada por Xosé Ramón Fandiño -estreito colaborador de Díaz Pardo no Instituto Galego de Información- e Gloria López López, válese de valiosa información documental e gráfica.

Escenografía, deseño editorial, os famosos cartaces a prol do Estatuto de Autonomía, son algúns dos materiais que se poderán ver no Colexio de Fonseca en Santiago de Compostela ate o vindeiro 30 de novembro. Na década dos 30, o pai era un significado militante do Partido Galeguista. O fillo, comunista. Este compromiso pasoulles unha altísima factura. Entre os elementos máis rechamantes da mostra atópanse os debuxos que Díaz Baliño, preso na Falcona compostelá despois do golpe de Estado fascista do 36, fixo a compañeiros de presidio.

A segunda parte de Con Galiza sempre no horizonte céntrase na actividade artística, industrial e cultural de Isaac Díaz Pardo, un dos grandes intelectuais galegos do século XX. Este abandonou a súa cidade natal e viviu en Madrid, na Arxentina ou no Castro (Sada). Mais nunca esqueceu as rúas e os lugares compostelanos. De feito, a Galería Sargadelos da Rúa Nova ou o propio Instituto Galego de Información en San Marcos son “iconas compostelás”, a dicir dos comisarios da exposición.

A exposición é unha iniciatiava do Ateneo de Santiago de Compostela e da Universidade, e conta coa colaboración do Concello e mais da Deputación da Coruña.

Nota: fotografía de Isaac Díaz Pardo e Camilo Díaz Baliño en 1925.

Comentarios