Tres días nos que a cultura xira arredor dun claustro 

Concertos mais tamén obradoiros, maxia ou paseos nocturnos compoñen o programa da 11ª edición de Música no Claustro, que ten lugar da sexta feira 7 de agosto ao domingo 9 de agosto. Dirixido por Samuel Diz, o o festival ofrece unha programación especial para crianzas e abre as portas da Catedral a novas experiencias culturais.

claustro
photo_camera claustro

A Catedral imponse coa súa historia e riqueza artística no outeiro en Tui. Durante tres días, desde esta sexta feira até o domingo 9 de agosto convértese tamén no escenario dunha programación cultural na que a música é o centro do que emanan non só concertos senón tamén obradoiros para crianzas, encontros artísticos ou paseos nocturnos. Dirixido por Samuel Diz, Música no Claustro chega a súa onceava edición cun programa no que o escenario histórico dáse a man coa nova creación contemporánea ofrecendo experiencias sensitivas únicas.

Música clásica mais tamén creación contemporánea e música tradicional nunha nova edición que se gaba dos #contrastes, lema escollido, da súa programación e aposta por novos valores da interpretación á par de virtuosos como o propio Samuel Diz, que acariña a tradición con Xabier Diz ou Xaneco Tubío e a revoluciona como na proposta artesanal de Idoia Cuesta, que é unha das protagonistas das residencias artísticas canda o músico holandés Mike del Ferro. 

Música no Claustro consegue que o programa de actos non agoche a riqueza patrimonial de Tui e a súa catedral e, desta maneira, recunca cos seus paseos nocturnos arredor do patrimonio catedralicio e convida a público e artistas a se atopar no xardín nun singular ambigú de experiencias creativas. 

Unha catedral aberta

A catedral, aberta de maneira especial estes tres días, acolle actividades e propostas non só musical senón tamén catro obradoiros, un espectáculo de maxia ou os concertos de novos intérpretes, de Samuel Diz, Mike del Ferro e Xabier Díaz. Os paseos e o encontro dos artistas no ambigú pecharán cada unha das xornadas. 

O director artístico do festival e veciño de Tui, Samuel Diz, ofrecerá a sexta feira día 7, un concerto de guitarra clásica que evoca a relación do guitarrista Regino Sainz de la Maza cos artistas galegos da Xeración do 27, eixo da investigación que lle valeu o Premio da Crítica do Palau da Música Catalá. O pianista holandés Mike del Ferro achegarase ao órgano barroco desde a contemporaneidade. O músico Xabier Díaz, que xa participou no festival con aCadaCanto, adiantará tamén temas do seu vindeiro disco The tambourine man en Música no claustro. A maxia virá da man de Teto, que levará os seus números á praza románica da Catedral. 

Unha escultura de vimbios inspirada na cestería será o resultado do obradoiro de Idoia Cuesta e un pandeiro tradicional o produto das persoas participantes no de Xaneco Tubío que tamén se dedicará ao público de menor idade coa construción de xoguetes sonoros. Especial atención presta esta nova edición a participantes de menor idade, que contará tamén cun obradoiro creativo Palabras contrastes. A programación completa pódese consultar neste enlace. 

Comentarios