Os tres días nos que a cultura se mostra no seu maior escaparate

Máis de 150 actividades, máis de 70 expositores. Encontros profesionais e foros. Novas producións, mostras, debates. Culturgal consolídase como o maior escaparate para a cultura galega nesta nova edición que se desenvolve en Pontevedra do 5 ao 7 de decembro. 
 

Foto: Janite
photo_camera Foto: Janite

O Pazo da Cultura de Pontevedra ábrese un ano máis para acoller Culturgal, o maior escaparate da cultura galega que nesta sétima edición conta revalidar e mesmo superar as 15.000 persoas que atravesaron as portas no 2013. Por volta de duascentas actividades programadas en distintos espazos e case un cento de expositores farán da Feira das Industrias Culturais a mostra máis ambiciosa das novas producións e iniciativas da cultura galega. 
 
Desde o 2007 no que naceu, Culturgal desenvolveuse entre a Coruña e Pontevedra -fóra do 2009 no que non se celebrou- mais é na cidade do Lérez na que se estabiliza co modelo actual, cunha organización da que forman parte Asociación Galega de Editores (AGE) , Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI). 
 
En vésperas da campaña de Nadal, son moitas as industrias da cultura que apuran as súas producións para chegar ao Culturgal, un espazo de privilexio para se dar a coñecer e mesmo  para vender aos milleiros de persoas interesadas na cultura que se achegan a Pontevedra desde todo o país. Novidades editoriais cos seus autores e autoras entrevistad@s ao vivo, concertos e presentacións musicais, novas e anovadoras iniciativas, propostas teatrais, producións audiovisuais, reunións sectoriais, propostas institucionais, programas profesionais... Culturgal constrúese dun amplo abano de iniciativas de entidades e particulares que teñen xa a Feira como referencia para o encontro arredor da nosa cultura. Desta volta, a cultura gastronómica é unha das novidades dunha Feira que volve ter na difusión das producións da industria do sector un dos seus principais eixos. 

"A cultura gastronómica é unha das novidades dunha Feira que volve ter na difusión das producións da industria do sector un dos seus principais eixos". 

Nove de cada dez repiten
 
A consolidación mídese tamén en que nove de cada dez expositores que participan en Culturgal recuncan ano tras ano, confirmando a rendibilidade da presenza na feira. Música, Libros, Tecnoloxía, Audiovisual,  Artes Escénicas ou Gastrocultura son algunhas das áreas que completan un programa que presta especial dedicación á cada vez maior produción cultural destinada ao público infantil, da que hai unha ampla presenza no programa e que consegue converter Culturgal nun destino privilexiado para o público familiar. 
 
“A obriga de Culturgal é todas as edicións sorprender,innovar e visibilizar os produtos e servizos das industriais culturais galegas en todos os seus eidos. Eis un proxecto ilusionante no que contribuiremos co noso esforzo", sinalou o presidente de Cultural, Manuel Bragado no acto de presentación da Feira ao tempo que marcou como obxectivos a ampliación do “perímetro” da feira, a constitución dun foro de encontro de creación de todas as disciplinas alén da procura dun modelo económico sostíbel para a feira que garanta a súa viabilidade e que pase pola “corresponsabilidade dos públicos e os patrocinios privados”. 

Gastrocultura

A presentación do libro do Grupo Nove, Pepe Solla tocando, un recital poético gastronómico ou dúas ceas temáticas son algunhas das propostas para a nova dimensión gastrocultural da Feira. Dos outros ámbitos, Culturgal segue a ser referencia para as novidades editoriais, musicais ou audiovisual ademais de plataforma de lanzamenento de novas propostas, desde revistas na rede até proxectos empresariais do ámbito da cultura. 

Escritores e escritoras como María Reimóndez, Francisco Castro, Ledicia Costas, Manuel Rivas, Suso de Toro, Fran Alonso, Alberto Ramos ou Xabier Quiroga achéganse á Feira para presentar os seus libros maiormente en forma de acto de sinaturas ou entrevista xornalística ao vivo. Guadi Galego, Alba María, Maghúa, Samarúas ou Pandeiromus traen as novedades musicais nun programa que inclúe o especial concerto do sábado de Caxade coa Banda de Bandeira. 

"O fotocol é un dos sinais do Culturgal. Sermos Galiza instalará o seu o sábado ás 17 horas". 

Singular presenza, como vén acontecendo nos últimos anos, ten a programación destinada a público infantil. En especial en formato CD-Libro, as novidades editoriais, musicais e teatrais ofrecen un amplo abano que vai desde a estrea do espectáculo Xiqui Xoque Fiú Fiú do Proxecto María Fumaça até o de marionetas “A casa do avó” de Tanxarina pasando por “Estamos no verán” de Xoán Curiel, “Chíos” de Teatro da Semente ou o aduiovisual “A tropa de trapo na selva do arco da vella”. 

Asociacións e  institucións

Entidades, institucións e asociacións como AGAL, Asociación de Bibliotecas Municipais e Escolares, a Sección de Crítica da AELG, Fundación Risco, PuntoGal, A Mesa pola Normalización ou Fundación Uxío Novoneyra, Concello de Carballo, Área de Cultura da Deputación de Lugo ou Implicadas no Desenvolvemento son algunhas das que contribúen coas súas xuntanzas e actividades ao programa xeral de Culturgal. 

Dúas exposicións “Do papel ao xesto. Libros de artistas e outras diverxencias” e “Bravú XX. Tanta paixón, quen poderá detela!” -que guía en dúas ocasións Xurxo Souto- acompañan á ampla programación que ten, como en anteriores ocasións o “fotocol” como un dos sinais de identidade. O de Sermos Galiza será un dos que se instale no Pazo da Cultura canda outros como o da asociación “Ponte... nas ondas!. O programa completo e o mapa de expositores pódese consultar neste enlace. 

Comentarios