Cinco días de cinema etnográfico no Museo do Pobo

O documental de Xes Chapela, “Entre cá e loa”, dá inicio esta terza feira ás cinco xornadas da Mostra de Cinema Etnográfico que chega a súa novena edición no Museo do Pobo Galego. 

.
photo_camera .

“Entre cá e lá”, de Xes Chapela inaugura a Mostra de Cinema Etnográfico do Museo do pobo Galego que se desenvolverá desde esta terza feira 3 de xuño. Chapela ofrece en “En calquera lugar.Entre cá e la”, a súa particular visión da emigración a Bahía, unha viaxe entre Europa e Brasil na mirada de dúas mulleres que buscan o lugar do seu futuro. 

Filmes producidos na Galiza, Cataluña, Canarias, Perú, Irlanda, Inglaterra, Canadá, Bélxica ou Alemaña compoñen o programa dunha mostra que inclúe, como en cada edición, a proxección dos traballos premiados no Espiello, o Festival Internacional de Documental Etnográfico de Sobrabe (Huesca), alén das seleccións do propio Museo dentro da sección Carlos Velo. 

Malia que o documental é o xénero estrela do programa, desta volta inclúense tamén dúas películas de animación, “A mirada poética” de Tony Donoghue sobre os mobles tradicionais irlandeses e un traballo que analiza a representación feminina na política de Sierra Leona en 30% de Anna Cady. A película irlandesa foi galardoada co premio do Xurado á mellor curta de animación en Sundance. 
 
Fóra do Continente, de Nico Martínez Millán sobre as familias que viven na illa de Ons,  Pettring de Eloy Domínguez Serén e Camping Wesertal de Hugo Amoedo son outras realizacións galegas documentais que se poderán ver no Museo do Pobo Galego xunto a outras como Dez centímetros  máis preto do ceo de Raquel Rei, A mesma terra de Anxo Vázquez,   Torreiros de Pablo Ces ou  Shoots from Abyssinia de Ovidio Fernández. 
 
Alén das proxeccións, o Museo ofrecerá o obradoiro “Un falso documental como unha catedral”, no que se percorrerá todo o proceso de produción do documental e no que as persoas participantes realizarán un “fake” usando o Museo como elemento fundamental.

As entradas son gratuítas e recolleranse até 10 minutos antes das proxeccións. 

Comentarios