Diana Varela gaña o Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta con 'A conxura"

A obra premiada constrúe un universo narrativo que se move  axilmente polo imaxinativo e o fantástico.

 

Diana Varela Puñal (Foto de AELG)
photo_camera Diana Varela Puñal (Foto de AELG)

A novelista, poeta e editora Diana Varela Puñal resultou a gañadora da quinta edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta para nenos e adolescentes pola obra A  conxura.

A novela impúxose a un total de 15 orixinais que foron avaliados nesta ocasión por un xurado formado polos membros do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas, Rosalía Morlán, Juan Andrés Fernández e o crítico Armando  Requeixo.

A entrega do premio terá lugar o 3 de novembro, data na que cada ano a fundación que leva o nome do autor de Gres celebra o día de Neira Vilas e que nesta ocasión celebrarase no auditorio de Vila de Cruces.

A obra premiada constrúe un universo narrativo que se move  axilmente entre o imaxinativo e o fantástico, habitado por personaxes  hipnóticas e fascinantes, con descricións luminosas e unha estrutura feita a base de anacos narrativos que, a pesar da súa certa autonomía, logran fiar con solvencia o inicio e o final, explica a fundación.

A trama resólvese, ademais, dunha forma maxistral, unindo aquí aos variados recursos literarios empregados, outros procedentes dos campos da música ou do cinema.

Diana Varela Puñal suma o premio Neira Vilas a outros logrados anteriormente como o Premio de Poesía Jácome e o Premio de Poesía Uxío Novoneyra.

Ademais, xa fora galardoada en 2012 co Premio  Estornela de Teatro, que fora convocado entón pola Fundación Xosé Neira Vilas. No ámbito da narrativa, publicou Fin de  festa e Diario  sen datas  dunha  aborixe  galega.

Comentarios