Diana Sieira, actriz: "A comedia é a maior das traxedias mais contada dunha forma divertida"

2020072720460353154

Non sabemos se Diana Sieira naceu sendo cómica mais si temos conciencia de que leva o humor alá onde vai. Fixo cine, teatro, circo e agora está centrada na súa paixón: os monólogos. Recoñece que ten unha maneira de comunicarse co público sedutora e que iso é fundamental para os temas que trata, algúns nada habituais nun escenario como o galego. Bebe da tradición oral mais desde a perspectiva do seu tempo. Agora mesmo leva unhas cantas ideas para contármonos a outra cara desta pandemia. A palabra, se é divertida, tamén cura. 

Actuar diante do público é algo que lle veu de pequena?

Non sei se como di o refrán un nace ou faise, mais teño que recoñecer que era moi pequena e xa facía teatro, con dez anos. Nesa época era un xogo mais xa me decataba de que quedaría. 

Como foi ese proceso até chegar á conclusión de que quería dedicarse profesionalmente?

Como nos pasa a moitas nas artes escénicas, para min é unha vía de expresión. Foi moi liberador. Lembro que ao saír do instituto, en Boiro, todo o mundo tiña decidido ir a Compostela a estudar unha carreira, e eu quería estudar arte dramática. Rematei facendo dobraxe na Coruña, mais sabía que quería actuar. Logo aprendín un millón de profesións máis polo camiño.

Foi complicado?

Tiven medo e foi para min unha barreira. Por ese medo estudei produción e traballei moito desta segunda profesión. Agora parei todo para centrarme na interpretación. As dificultades creámolas nós. É unha profesión difícil, como outras que tamén o son. Mais se vas firme e con ganas as dificultades desaparecen.

Participou en concursos de monólogos. Como son por dentro?

Pasámolo moi ben. Eu son algo diferente, poucas veces actúo soa. Fixen dúo con Ánxela Triana. Normalmente o mundo do monólogo é un mundo solitario. Ir soa en coche para actuar a lugares variados e volver. Nos concursos atopámonos e vemos xente que vén de fóra, coñecémonos. É moi divertido, somos xente divertida. Tamén é importante que se vexan monologuistas con experiencia e outros que comezan. 

Como prepara un monólogo?

Os temas que trato teñen que ver co que pasa pola miña cabeza nese momento. Como somos, como nos comportamos. Hai moita observación e querer explicar ese tema que me interesa nese momento. Eu funciono moito por romper tabús. Case sempre estou xogando aos límites. Teño un humor directo, absurdo, arriscado. Non é brando. Ás veces dáme problemas para escoller os sitios aos que vou. Miro que público vou ter. Son moi de ir romper límites mentais. Gáñome á  xente con enerxía e ganas. Cando fallo non é polos temas que trato, é por ir a medio gas. Teño que ser sedutora co público.

Hai unha maneira de expresarse 'galega' nesta profesión?

Somos un país de tradición oral. O monólogo cómico formato habitual naceu nos Estados Unidos de América. Aquí temos a nosa propia oralidade, recreámonos nas formas que contamos e non seguimos o ritmo de pezas curtas. Non todo o mundo, mais creo que mesturamos as dúas artes. Hai grandes contadoras e contadores no país ao que sumamos observar o exemplo norteamericano. Logo cada persoa ten un estilo único.

Poderemos contar con humor a pandemia que estamos vivindo?

Claro. Eu xa digo que nos fixeron todo o traballo a xente que fai 'memes'. Eu levo unha colección deles comigo. Tamén apuntaba ideas para cando rematase a pandemia. Rir destes temas que nos afectan moito e que son serios para todas e todos é unha vía de liberación. O humor é unha forma de falar deles que alixeira a carga que teñen, pode ser sandar. Todas e todos os grandes cómicos fixeron isto. A comedia é a maior das traxedias mais contada dunha forma divertida.  

Comentarios