Os 'Diálogos confinados' revisan a creación e xestión cultural no eido das letras

Nesta ocasión, Dolores Vilavedra foi a encargada de dialogar con dúas autoras cunha ampla bagaxe no mundo da xestión cultural e da creación literaria como son Yolada Castaño, desde a poesía, e Eva Mejuto, desde a creación de obra destinada a público infantil.
eva mejuto xerais
photo_camera Eva Mejuto, co seu gato (Foto: Xerais).

O ciclo Diálogos confinados pon o foco esta semana na “creación e xestión cultural no ámbito das letras”. Nesta ocasión, Dolores Vilavedra foi a encargada de dialogar con dúas autoras cunha ampla bagaxe no mundo da xestión cultural e da creación literaria como son Yolada Castaño, desde a poesía, e Eva Mejuto, desde a creación de obra destinada a público infantil.

Ambas as dúas autoras fixeron fincapé na debilidade xa previa do sistema, cunha alta precariedade que se agudizou coa parálise derivada da COVID-19. A reconfiguración de eventos, a convivencia necesaria do virtual co real, a necesidade de adaptación á nova situación e evitar a inercia da gratuidade foron algúns dos asuntos sinalados.

A conversa serviu para coñecer a situación de partida e o noso escenario que se abre para un sector en que, en palabras de Yolanda Castaño, “ten moita importancia a presenza física porque nun recital tamén ten outro tipo de significado e de contido”. Ademais, indicáronse unha serie de medidas concretas para axudar a encamiñar a situación actual do sector neste momento de incerteza, que pasan pola "dignificación" do oficio da escrita; a organización das tarifas; o establecemento de axudas públicas á creación literaria; un compromiso institucional firme para que a cultura, como o turismo "sexa unha prioridade para o país" e a apelación "á responsabilidade individual como público de valorar este traballo cultural, de consumilo, de asistir aos eventos, de compensar o esforzo das creadoras e creadores que ofreceron e ofrecen contidos culturais para o gozo da cidadanía".

O valor da proximidade

No marco da conversa, Yolanda Castaño salientou a riqueza do contacto físico: “a poesía ten esa faceta oral, un pouco escénica e ten que ver con eses eventos e lecturas poéticas. Todo perdeu sentido ao perder a proximidade, caeu todo o traballo e non sei cando poderemos recuperar eses eventos”.

Ambas autoras consideran que este momento é importante porque serviu para poñer de manifesto a xenerosidade do sector pero tamén a importancia dos contidos culturais. Ademais, Eva Mejuto engadiu un terceiro factor:  a precariedade. “O sector estaba feble e agravouno. Necesitamos esta reflexión desde moitos aspectos e, sobre todo, pola dignificación da nosa profesión. Hai moitas inercias que temos que romper e ser conscientes de que o mundo dixital non é nin a panacea nin o demo” engadiu.

Comentarios