O diálogo produtivo coa xeración Galaxia: dúas concepcións da loita contra o franquismo

As diferenzas entre as dúas patas do galeguismo no seu enfrontamento á ditadura abriu unha fenda que se agravou cos desacordos entre a Galiza interior e o exilio. Unhas desavinzas representadas, en cada un dos polos, por Castelao e Piñeiro. Xoán Carlos Garrido ofrece a súa óptica persoal dun necesario diálogo que o levou a conversar con Xaime Illa Couto e con Francisco Fernández del Riego ao respecto.
Xosé Luís Branco, Xaime Illa Couto, Del Riego e Ramón Piñeiro, en Pontevedra, no ano 1950 (Imaxe: Arquivo Antón Mascato)
photo_camera Xosé Luís Branco, Xaime Illa Couto, Del Riego e Ramón Piñeiro, en Pontevedra, no ano 1950. (Imaxe: Arquivo Antón Mascato)

Quen tiñamos unha posición crítica co que de maneira xenérica se chamaba piñeirismo, por analoxía ou por ignorancia, adoitábamos meter no mesmo saco moitos ex militantes do Partido Galeguista sobreviventes. Tamén é certo que non axudou a deriva que tivo esta organización reeditada na transición e que hoxe ten as súas siglas secuestradas.

Soubemos que non todo o galeguismo interior estaba na órbita de Galaxia e da súa concepción que chamábamos “culturalista”. No estudo destes casos, como é o de Manuel García Barros (Kenkeirades) ou de Ramón de Valenzuela, tomamos consciencia das limitacións doutras opcións distintas. O primeiro optando polo retraemento para evitar lexitimar coa súa pluma a normalización do réxime totalitario e o segundo probando sorte no soporte que lle proporcionaba o movemento comunista internacional e Partido Comunista de España. 

A estratexia do xunco, en termos de Castelao, explicaba o caso dos que optaron por aferrarse firmemente aos principios pero suspender o activismo ao limitarse a deixar pasar a enxurrada. Neste caso, o propio Kenkeirades miraba con receo a Ramón Otero Pedraio, por seguir a participar en actos culturais como se houbese unha liberdade de expresión que non existía.

Co tempo acabará recoñecendo o seu labor como necesario fronte á extinción. Viu a situación tan grave que chegou a propoñer unha rede clandestina de falantes de galego para conservar a lingua. Ao remate da súa vida, aceptou que se imprimise unha obra súa na Galiza, no ano da súa morte, en 1972, até entón só publicada no exterior. Aínda así estas colaboracións fixeron que fose detido en 1955, precisamente xunto con Francisco Fernández del Riego.

Quizais o caso máis coñecido de exilio interior é o de Ricardo Carvalho Calero. Quen, sen descabalgar dos postulados nacionalistas, co obxectivo de que o seu activismo intelectual a prol da nosa lingua e cultura tivese incidencia, tamén se serviu da canle que lle proporcionaba Galaxia, para o cal unha conexión fundamental vai ser a súa amizade e relación con Del Riego. 

Desde posicións distantes non houbo maior problema en xuntar forzas, colaborar e mesmo compartir prisión por obxectivos comúns de defensa da nosa cultura e a nosa lingua.

[Este é un extracto do texto que se publicará no SERMOS GALIZA ESPECIAL FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO o 13 de maio. Para ler o artigo íntegro, compra Nós Diario nos puntos habituais de venda este sábado]

Comentarios