Diálogo en Compostela sobre o libro ‘O escudo do Reino da Galiza’

Organizado pola Asociación Cultural O Galo, decorrerá esta sexta feira e contará coa presenza do autor da obra editada por Sermos Galiza, Héitor Picallo; Anselmo López Carreira, profesor da UNED; Xosé Manoel Sánchez, director da área de medieval do Arquivo da Catedral de Santiago; Ana Rodiño, membro do Consello de Administración de Sermos Galiza e M. Antonia Pérez, presidenta da A.C. O Galo.

Dentro da letra 'n' capitular, no 'Sherborne Missal' (1399 Ca.), aparece o escudo. Na esquerda lese "Rex Galacie". (Foto: Nós Diario)
photo_camera Dentro da letra 'n' capitular, no 'Sherborne Missal' (1399 Ca.), aparece o escudo. Na esquerda lese "Rex Galacie". (Foto: Nós Diario)

O Escudo do Reino de Galiza, unha (re) visión (inter)nacional, do investigador, escritor e ilustrador Héitor Picallo e editado por Sermos Galiza portagonizará a mesa de diálogo e debate organizada para esta sexta feira en Compostela pola A.C O Galo.

A cita vai ser no Museo do Pobo Galego, ás 19:30 horas, e na mesma tomarán parte, ademáis do propio autor, Anselmo López Carreira, profesor da UNED; Xosé Manoel Sánchez, director da área de medieval do Arquivo da Catedral de Santiago; Ana Rodiño, membro do Consello de Administración de Sermos Galiza e M. Antonia Pérez, presidenta da AC. O Galo.

As prazas son limitadas e a actividade vai dirixida ás persoas asociadas á A.C O Galo, organizadora desta mesa, que poderán traer un acompañante,. Por mor da situación sanitaria, cómpre que as interesadas envien a solicitude de inscrición ao correo electrónico [email protected]  antes das 23.00 horas desta cuarta feira, 6 de outubro, sendo imprescindíbel que cada persoa que se anote indique nese apuntamento:  nome, dous apelidos e número de teléfono, por mor das normas Covid. 

A admisión será seguindo rigorosamente a orde dos correos recibidos.É obrigatoria a asistencia con máscara e mantendo as normas de seguridad contra a Covid-19.

Ao rematar o acto, o seu autor asinará exemplares deste libro.

Un escudo presente desde o século XIII

Dentro da colección Monografías de Nós Diario edítase o libro O escudo do Reino da Galiza. Unha (re)visión (inter)nacional. Son  224 páxinas a toda cor e máis de 150 ilustracións para ofrecer unha visión máis completa da orixe do escudo galego.

As primeiras versións coñecidas do escudo do Reino da Galiza datan dos anos finais do século XIII. Así no Segar´s Roll, un armorial -libros de armería con descrición de emblemas heráldicos- inglés elaborado arredor de 1282 aparecen recollidos 24 escudos reais, entre eles os de España, Navarra, Portugal, Aragón ou Galiza, representado “en campo azur, tres cálices de ouros ben ordenados”.

O traballo conta cun preámbulo traducido a sete idiomas: alemán, español, catalán, euskera, francés, inglés e xaponés e un prólogo de Johanes Kabatek, catedrático da Universidade de Zúric onde se ocupa da cátedra de Lingüística Iberorrománica e de Lingüística Románica. É membro correspondente da Real Academia Galega desde 2002. A maiores, o libro, ten un epílogo asinado por Carlos L. Bernárdez, licenciado en Xeografía e Historia e recoñecido ensaísta no campo literario e artístico.

 Ten un prezo especial para subscritoras de 7,90 euros e, para as persoas que cubran a cartilla que sae co xornal, de 15,90 euros. Tamén estará nas librarías e poderase adquirir a 29,90 euros.

Comentarios