CULTURA

O Día de Rosalía será o 23 de febreiro

Á vista dos novos descubrimentos sobre a súa data de nacemento

O Día de Rosalía será o 23 de febreiro

O Día de Rosalía de Castro pasará a celebrarse o 23 de febreiro, en vista dos novos descubrimentos feitos pola investigadora Sagrario Abelleira. Unha reunión de todas as entidades e institucións implicadas na conmemoración da efeméride consagra a nova data na Casa da Matanza.
Representantes de entidades culturais na xuntanza, en Padrón, na que se decidiu o cambio de data do Día de Rosalía.
photo_camera Representantes de entidades culturais na xuntanza, en Padrón, na que se decidiu o cambio de data do Día de Rosalía.

En outubro do pasado ano, a investigadora Sagrario Abelleira fixo público o achado duns documentos que alteraban o que sabiamos sobre Rosalía de Castro: a data de nacemento da escritora situábase grazas a súa pescuda no día 23 de febreiro de 1837, e non no día 24, como até ese momento se pensaba. O expediente matrimonial de Rosalía de Castro con Manuel Murguía, atopado no Arquivo Diocesano de Madrid, mostrábase como "un documento incontestábel" que permitía fixar definitivamente o día en que naceu Rosalía e que aclara moitas das dúbidas "que até o de agora pairaban sobre a súa biografía". 

Á vista deste novo descubrimento, a Fundación Rosalía de Castro convocou esta terza feira unha reunión, na Casa da Matanza, en Padrón, para mudar a data de celebración do Día de Rosalía ao 23 de febreiro, á que acudiron Valentín García, Secretario xeral de Política Lingüística, en representación da Xunta de Galiza, o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez; o presidente de Nova Escola Galega, Xosé Lastra; delegados da Asociación Socio-Pedagóxica Galega; o representante da Asociación de Gaiteiras Galegas, Olimpio Xiráldez; así como as responsábeis das áreas de Cultura e Acción Cultural dos Concellos de Padrón e Santiago de Compostela, ademais da propia Sagrario Abelleira, autora da investigación, e de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.  

A reunión servirá para que a sociedade galega visualice esta unanimidade no recoñecemento da "nova" data de nacemento de Rosalía de Castro.


"Foi unha reunión moi positiva por moitos motivos", explica Angueira. "Primeiro porque nos xuntamos todas as entidades e institucións implicadas na celebración do Día de Rosalía -aínda que nesa data se implica toda a sociedade galega- e xuntármonos todos xa é motivo de alegría. E segundo, porque houbo unha absoluta unanimidade en desprazar a celebración ao día 23 de febreiro en atención a estas novas descubertas. E aínda que, polas inercias, xa hai materiais impresos coa vella data, o acordo foi completo". 

A reunión servirá para que a sociedade galega visualice esta unanimidade no recoñecemento da "nova" data de nacemento de Rosalía de Castro. "Esta é unha data que nos une a todos", matiza Angueira, "e a natureza das festividades non vai cambiar en absoluto. Os actos institucionais seguiran a ser os mesmos e as tradicións que se foron asentando nos últimos anos permanecerán sendo as mesmas. Só se dá ese pequeno cambio na data porque é a consecuencia dun achádego que nos permite saber máis -e máis precisamente- sobre a biografía de Rosalía". 

Cando se fixeron públicos os documentos que demostraban que Rosalía nacera o día 23 de febreiro de 1837 xa se formulara o proxecto deste cambio de data que hoxe se materializa, aínda que existían certos receos sobre a aceptación da mudanza, ao terse convertido o 24 de febreiro nunha das datas máis sinaladas do calendario cultural galego. Porén, non houbo ningunha obxección por parte de ningún dos presentes na xuntanza. "Era o lóxico", opina o presidente da Fundación Rosalía, e ese pequeno cambio carece de importancia diante da proxección da súa obra sobre o pobo galego. O importante é que houbo acordo entre todas as institucións, que non existiron disparidades e que Rosalía segue sendo un elemento de unidade entre todos os estamentos da sociedade galega". 

Unha "nova" data que os estudosos daban como plausíbel

Até o de agora, coñecíase unicamente a partida bautismal de Rosalía, do 24 de febreiro de 1837, e ao ser esta a única proba documental acreditada, dábase por boa esta data para lla asignar ao nacemento da autora. Non obstante xa existían moitos indicios que apuntaban ao día 23 de febreiro como a data real do nacemento da autora. Manuel Murguía, por exemplo, no Diccionario de escritores gallegos, escribe que Rosalía naceu en Santiago o 23 de febreiro de 1837. 

Tampouco parecía moi normal que, sendo bautizada o día 24 de madrugada, a data de nacemento fose dese mesmo día. 

A nova información biográfica sobre Rosalía quedou recollida na publicación Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858), de Sagrario Abelleira.
 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios