O Día de Rosalía continúa en Santiago

As actividades do Día de Rosalía seguen en Compostela: hoxe é o último día do Festival Rosalía e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra o acto central da efeméride no Panteón dos Galegos Ilustres.
rosalia
photo_camera rosalia

Onte Rosalía de Castro volveu vestir capa e antiface nunha nova edición do Festival Rosalía que organiza a área de Cultura da Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago.

Ás 17.30 horas abría o mercado de produtos rosalianos na capital galega para dar paso á obra de monicreques A viaxe de Rosalía, de Larraitz Urruzola. Mercedes Espiño guiou, a seguir, un roteiro polos espazos de Rosalía na cidade e Adhara & Rhitman remataron o programa do día cun concerto na praza e Cervantes. 

Hoxe, o programa contempla un recital musicado con Faia; ruada rosaliana a cargo dos Quinquilláns; o espectáculo infantil de Sole Felloza Chove miudiño; un faladoiro sobre feminismo en Rosalía a cargo de María Xesús Lama, Carme Adán e María Reimóndez; un recital de música e poesía con Ugia Pedreira e Marina Oural; un recital poético con Andrea Nunes, Ánxela Lema, Lucía Aldao e Diana Kurich; e o concerto de O Val das Mouras.

 

Ofrenda en Bonaval 

Pola súa parte, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza ás 12 horas, no Panteón dos Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval, onde está soterrada a escritora, o acto central e máis solemne das celebracións do Día de Rosalía.

Alí desenvolverase un acto nacional no que intervirá o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, antes de que se dea lectura ao Manifesto do Día de Rosalía por parte da autora que o redactou este ano, Carme Adán. A seguir, haberá unha lectura de poemas de Rosalía a cargo de Xosé Ramón Fernández Vázquez, Susana Peleteiro Xosé Manuel Carril, Pilar Lueiro García, Eli Ríos, María Álvarez Landesa, Eva Teixeiro, Carmen Villar, Susana Méndez Ramos, Beatriz Maceda Abeleira e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía.

O acto rematará coa ofrenda floral e coa interpretación do Himno Galego. Actuará o coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.

Comentarios