CENTOS DE ACTOS POR TODO O PAÍS

O Día de Rosalía está aquí para ficar

Un ano máis as redes sociais ferveron co #MobilizaRosalía e co #DíadeRosalía. Asociacións, centros escolares e desta vez tamén algunhas institucións implicáronse a fondo nunha xornada que medra cada ano desde abaixo. 

DSC_1935
photo_camera Día de Rosalía no auditorio de Padrón

Desde hai uns anos o Día de Rosalía converteuse de facto nunha das datas culturais máis destacadas do ano. Sen grandes investimentos, coa forza que dá un movemento desde abaixo, porque Rosalía une. Ou como dixo Xurxo Lobato, “Rosalía é unha das poucas figuras que une as diferentes tribos galaicas”. Mesmo Google lle dedicou un 'doodle' o ano pasado. 

Este ano as deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo implicáronse a fondo, algunhas delas por primeira vez. A da Coruña, da man do seu departamento de Cultura, organizou un acto de homenaxe e “liberou” catro imaxes de Rosalía deseñadas por catro autoras: Uqui Permui, Aurora Cascudo, Aldara Prado e Paula Mayor.

Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación coruñesa, considera que o Día de Rosalía “avanzou” na súa consolidación. “Houbo un salto cualitativo nas actividades, que xa se alongan durante toda a semana e que intentan apostar por unha visión de Rosalía máis diversa e máis plural”.

Quizais, apunta, “faltaría un punto que o fixese máis popular. Hai que conseguir unha visualización maior para que a xente se sinta implicada. Falta que se vexa máis na rúa: murais, convocatorias máis amplas, nas prazas, saír dos espazos pechados... Nós enviamos unha carta aos concellos e houbo moitas respostas. O feito de que non sexa festivo favorece que haxa máis actividades nas institucións e nos concellos”. 

Día lectivo dedicado a Rosalía

Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, unha das principais promotoras desta celebración, tamén considera que é unha data consolidada. “Hai máis de 50 concellos que están a facer actos do Día de Rosalía, e iso que nós saibamos. E arredor de 100 centros escolares teñen actividades”.

Con respecto ás institucións, a Sánchez  parécelle positivo que xa se inclúa no calendario cultural da Consellaría, pero sinala que “falta agora que a consellaría de Educación o inclúa como día lectivo dedicado a Rosalía, porque sería recoñecer institucionalmente a importancia da nosa poeta”. 

A AELG sigue apostando por unha data na que se agasalle un libro en galego e unha flor. “Sería importante porque a propia industria cultural o necesita”. E insiste en que o Día de Rosalía non compite co Día das Letras, senón que se complementa. 

Protagonismo en redes sociais

Para Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, esta xornada “está en camiño dunha clara consolidación”. “Non hai máis que mirar toda a cantidade de actos levados adiante por asociacións, concellos e mundo escolar. E abonda con ver as redes sociais para comprobar que ten un protagonismo cada vez maior”. 

Angueira destaca que o máis importante deste día é o apoio social que ten e destaca a Alborada de Rosalía “como símbolo asociado ao día de hoxe, é un símbolo para a esperanza dun novo tempo, porque con ela nace un soño, unha ilusión, unha esperanza de sermos un país digno e libre, no que teña dignidade a nosa cultura, a nosa terra e a nosa lingua. E iso é o que temos que conmemorar, que Galiza continúa nese proxecto de dignidade”. 


 

Comentarios