O ano en que os de Noia pelexaron con todo o mundo

O documental “Mestre de Campións” recolle unha historia pouco coñecida: a revolución que provocou o desembarco a principios dos 80 en Noia de disciplinas aínda descoñecidas no Estado como full contact ou  kickboxing e como desta vila saíron campións que chegaron a loitar até en Rusia.

 

 

miguel barreiro noia mestre de campións
photo_camera Miguel Barreiro

Noia, berberechos. Avilés de Taramancos. San Martiño. París de Noia. Almirante Luis Cadarso. Os Tamara. María Mariño. Prismas. E, tamén, Noia, campioa mundial de full contact e  kickboxing. Dúas disciplinas que, aló polos inicios dos 80, eran prácticamente descoñecidas no Estado español mais que collían forza en Noia da man dun ximnasio montado por un que veu de Holanda. Axiña sairán del loitadores que competirán polo mundo adiante. Unha historia que vén de coller forma de documental en ‘Mestre de Campións’, o primeiro traballo como director de Miguel Barreiro.

“De pequeno vin algún combate”, lembra Barreiro, “e despois fun ver algunha velada”, engade, tirando de memoria e dando testemuña de cómo en Noia ían marcando terreo estas disciplinas, algo extraño no resto do país naquelas alturas. O xerme do documental prendeu hai tres anos, explica: “Para o meu proxecto de fin de ciclo pensei en facer algo sobre deportistas que ían para a elite e que finalmente quedara todo en nada”. Contactou a tal fin cun daqueles loitadores dos 80 en Noia, Da Silva. E de aí naceu o documental: “Quedei con eles, co xente que ían a aquel ximansio, e graveinos”.

Full Contact e  kickboxing atoparon, pois, terreo de cultivo nauela Noia dos oitenta: “Era xente mariñeira, dura” e de aí naceu unha serie de loitadores que chegou mesmo a pelexar en Rusia: “Tivemos campións do mundo en amateur e do Estado”, lembra Barreiro, satisfeito co resultado do traballo e que agradece o apoio e colaboración, entre otros, de Juan Canaval, Antón Álvarez ou o Concello de Noia.

“Temos que recordar e homenaxear estes loitadores que levaron o nome de Galiza por todo o mundo”

“A min gustoume como ficou o documental, agora o importante é que lle guste á xente”, sinala. “Temos que recordar e homenaxear estes loitadores que levaron o nome de Galiza por todo o mundo”, manifesta.

‘Mestre de campións’ estrénase este sábado en Noia, ás 20:00 horas no Teratro-Coliseo da vila e con entrada de balde. Un estreno que se dá no marco da XIX edición do Festival de Curtas Vila de Noia.

Comentarios