O Día Internacional dos Museos enche a semana de actividades

Os museos galegos estas institucións organizan actividades que inclúen eventos para coñecer os fondos, xornadas de portas abertas, concertos e obradoiros para a cativada.
cgac
photo_camera Edificio do CGAC, en Santiago.

O 18 de maio celébrase o Día dos Museos e, como vén sendo habitual, estas institucións organizan actividades que inclúen eventos para coñecer os fondos, xornadas de portas abertas, concertos, lecturas e obradoiros para a cativada. 

O CGAC, por exemplo, organiza o sábado 20 de maio, unha ruta de arquitectura contemporánea en Santiago, O CGAC e outros fitos da arquitectura contemporánea compostelá, dirixido por Carmen Rey, e talleres arredor da obra de Hassan Darsi dirixido a familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos. Tamén se impartirá o domingo 21 de maio para familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos. Para lle pór punto final á Semana dos Museos, o domingo, haberá unha visita especial aos espazos ocultos do CGAC. 

O Museo das Peregrinacións de Santiago organiza hoxe un obradoiro de estampe floral en teas, impartido por Beatriz Rocha. O sábado 20 de maio, terán lugar unha ruta urbana de plantas silvestres a cargo de César Lema e un concerto de música coral do Coro Da Rá, nos soportais. E o domingo 21 de maio, haberá un obradoiro de Mauro Sanín (A Central Folque), tamén nos soportais. 

Na Coruña, o Museo de Belas Artes celebra este día internacional con visitas guiadas extraordinarias, hoxe, á exposición Picasso branco no recordo azul. O sábado 20 coa Noite dos Museos, haberá un horario especial de apertura, até as 23,30 horas, e ademais celebrarase a performance lúdica Picasso infinito, dirixida por Arkhé espacio educativo, na praza do museo con materiais reciclados. 

O MARCO de Vigo tamén prevé unha serie de actividades que inclúen o espectáculo Unha noite no trasmundo, de Guy Bobillo, concibido como homenaxe á vida e obra de Laxeiro; un percorrido sonoro e visual polas salas da exposición Laxeiro e a arte da súa época, conducido por profesorado da EMM Escola Municipal de Música; ou un taller de reciclado a cargo de Ignacio Pérez Jofre. 

Tamén haberá monicreques no Museo de Pontevedra que, entre outras actividades programa o espectáculo de monicreques para público familiar O peirao, de Diáspora Teatro. 

O Museo Massó de Bueu organiza un itinerario sobre Historia dunha salgadura que vai e vén e, en Ourense, o Museo Arqueolóxico programa unha visita Sentir a arqueoloxía, ás 12 horas e unha visita guiada aos almacéns do museo ás 19 horas. Pola súa parte, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro celebra o Día Internacional dos Museos coa entrada gratuíta. 

Comentarios