O Día do Teatro foi lembrado con anuncios e declaracións institucionais

Preséntase o deseño gráfico e as liñas mestras que guiarán a MIT 2023.

A memoria será o eixo central da MIT 2023.
photo_camera A memoria será o eixo central da MIT 2023.

Á espera da gran festa da escena galega, a entrega dos premios María Casares, o Día do Teatro foi celebrado onte con varias declaracións institucionais, funcións especiais e diversos anuncios e presentacións. 

Así, por exemplo, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) anunciou que a memoria será o motivo central que guiará a súa 39ª edición. A MIT enfiará un relato que permitirá recordar a profesionalización do teatro galego, os debates, os encontros, as posicións diverxentes, a emerxencia da internacionalización ou as novas compañías. Nese sentido, o deseño gráfico e o cartel desta edición -obra de A&B Comunicación e Deseño-, parte dunha fotografía antiga da Praza Maior de Ribadavia á que se lle foron sobrepoñendo imaxes, miniaturas, cores e texturas da evolución da MIT e dos diversos espectáculos que pasaron por ela ao longo da súa historia.

O Centro Dramático Galego (CDG), pola súa parte, anunciou que a compañía Xerpo foi a gañadora da segunda fase da Bolsa de Dramaturxia e Creación, polo que coproducirá co CDG o texto Bailar no ceo, escrito por Ana Abad de Larriva como vencedora da primeira fase desta mesma iniciativa. A historia de José Piñeiro, primeiro aviador galego. e Chichana Patiño, primeira galega e posibelmeCDGnte primeira muller en Europa en pilotar un avión, inspira o texto de Ana Abad de Larriva.

Tamén se presentou onte a IX edición de Escenas do Cambio. O festival de teatro, danza e arte en acción desenvolverase na Cidade da Cultura entre os vindeiros 4 e 6 de maio, dirixido por Lola Correa. O programa achega cinco estreas absolutas: Poco (o alguien dirá que nos equivocamos), de Roberto García de Mesa, o concerto debut da agrupación SONS-NÚS/CatroNubes e Poescénicas, e as últimas producións de Kirenia Danza e Matarile.

 

Programas e declaracións institucionais

Diferentes institucións organizaron programas especiais, como a Deputación de Pontevedra -que celebrou o Día do Teatro cunha animación na rúa a cargo de Can Cun Quinqué e o espectáculo O vendedor de fume de Teatro Ghazafelhos- ou declaracións institucionais: en Lugo, por exemplo, a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, destacou que a programación teatral do Auditorio Municipal "inclúe só no primeiro semestre do ano máis de 40 actividades con diversos recoñecementos a nivel galego e estatal".

Comentarios