O Día das Galegas nas Letras homenaxea Mª Victoria Moreno en Pontevedra 

O sábado 15 de agosto, a escritora Mª Victoria Moreno será homenaxeada na súa cidade, Pontevedra. Ao longo de toda  a xornad, a Romaría das Letras, organizada pola Sega, celebrará a obra e a figura da escritora no Parque dos Gafos con música, literatura e moita festa. 

victoria

Por segundo ano consecutivo, a plataforma de crítica feminista A Sega, convoca o Día das Galegas nas Letras para reivindicar de maneira festiva o papel das mulleres na literatura. Se o pasado ano Dorothé Schubarth inaugurou a celebración cunha romaría na Estrada, desta volta, a iniciativa desenvólvese no Parque dos Gafos ao longo de todo o sábado, na cidade que a escritora tanto amou e na que morou boa parte da súa vida. 

O programa prolóngase ao longo de toda unha xornada que comeza por volta das 12 horas co “paseo con Leonardo”, desde a entrada ao Parque dos Gafos na Rúa da Estación. Convidan a levar cadelos e cadelas a percorrer a ruta como a escritora facía e toman para o paseo o nome do Leonardo que serviu tamén para titular unha das obras de María Victoria Moreno. 

"Escribiu para todas nós"

Despois dun xantar popular no Parque dos Gafos, a homenaxe comezará ás 16:00 horas coa participación de Carmen Penim, Laura Cuba. Cristina F.. As Boubas. Habelas Hainas e co micro aberto para lecturas da obra de María Victoria Moreno de quen se exporán os seus libros no “Tendal de Mª Victoria” para o que se poderán aportar volumes, en especial, con algunha singularidade como dedicatorias da autora. No remate, sortearase entre as participantes a boneca-escultura coa figura da escritora doada por Actante Dorado. Máis información sobre o programa na páxina web da plataforma A Sega. 

“María Victoria Moreno escribiu para todas nós dende o espírito máis abranguente, máis total. Para nosoutras que buscamos nos relatos nenas que nos expliquen a vida nos nosos termos, á nosa idade. Para nosoutras que, adolescentes, procuramos descubrir o desenlace sen saber que o importante está se cadra no camiño. Para nosoutras que padecemos nos nosos corpos a dor mais tamén a esperanza. Para nosoutras que queremos saber doutras vidas aparentemente próximas pero ao tempo moi afastadas”, recoñécenlle desde A Sega.

Comentarios