'Dhogs', o primeiro filme en galego que participa en Sitges

Este 2017 veu cheo de boas novas para o cinema galego. E hoxe recibimos unha máis: 'Dhogs', a opera prima de Andrés Goteira, será o primeiro filme en galego que participa na sección oficial de Sitges, o Festival Internacional de Cinema Fantàstic de Catalunya.

dhogs
photo_camera Fotograma de 'Dhogs'

Vén de anuncialo o propio Festival de Sitges: Dhogs será a primeira longa en galego nos 50 anos de historia do festival, que define así esta fita: "un relato imprevisible e obsesivo, situado nos límites da ficción". Esta nova únese á selección de 'Trote', a primeira longa de Xacio Baño -tamén en galego-, para o Festival de Donostia.

'Dhogs' será a primeira longa en galego nos 50 anos de historia do festival, que define así esta fita: "un relato imprevisible e obsesivo, situado nos límites da ficción"

O filme está protagonizado por Melania Cruz, Carlos Blanco, Antonio Durán 'Morris', Miguel de Lira, Iván Marcos e María Costas. Escrito e dirixido por Andrés Goteira e producido por Gaitafilmes e Pixels Films, Dhogs sinala os malos nun mundo perverso de amos e escravos, onde os crimes se suceden diante dunha sociedade pasiva e insensible que o atura todo. Un reflexo da realidade máis escura.  

50 aniversario de Sitges


Este ano celébrase o 50 aniversario deste emblemático festival, que acollerá o último filme de Yorgos Lanthimos, o mellor cinema asiático, a volta de Jaume Balagueró, premiará a Santiago Segura e contará cunha convidada especial, Susan Sarandon, que levará o Gran Premio Honorífico do evento. Terá lugar do 5 ao 15 de outubro
 

Comentarios