Dhogs estréase nas salas comerciais con 12 copias

O filme máis premiado do cinema galego último, Dhogs, estreouse a pasada fin de semana en 12 salas, dez galegas, unha catalá e outra en Madrid. “Está funcionando moi ben”, apuntan desde a produtora cinco días despois da súa posta de longo na pantalla grande.
 

dhogs1
photo_camera Fotograma de 'Dhogs', de Andrés Goteira.

A satisfacción que amosa Suso López, produtor executivo, ten a ver co “pequeno” tamaño da obra. Pequeno en canto a orzamento -285.000 euros-, que non en repercusión -conta os galardóns por ducias- nin a dicir da boa parte da crítica. “Hai máis cinemas interesados en proxectala, e algunhas das salas en que se pode ver xa a renovaron”, explica a Sermos Galiza.

A Sala Numax de Compostela, os Multicines Norte de Vigo, o Abella de Lugo, os Cantóns da Coruña ou o Duplex de Ferrol son algúns dos lugares que teñen Dhogs en carteleira. En Madrid está no Artistic Metropol e en Barcelona, no Zumzeig.

Dhogs, un thriller de historias paralelas rodado en galego, resultou a obra máis recoñecida na última edición dos premios Mestre Mateo e na historia dos galardóns: obtivo 13. Producida por Gaitafilmes e Pixel Filmes, dirixiuna Andrés Goteira (Meira, 1983) e no seu reparto figuran intérpretes como Antonio Durán, Morris, Melania Cruz, Carlos Blanco, Iván Marcos ou Miguel de Lira.

O Festival de Sitges ou o Bacifi de Bos Aires tamén acolleron pases do debut de Goteira.

Comentarios