O debut de Andrés Goteira gaña en 13 categorías

'Dhogs' convértese no filme máis premiado da historia dos Mestre Mateo

O thriller co que Andrés Goteira se estrea como director de longametraxes converteuse este sábado no filme máis premiado da historia dos Mestre Mateo. Dhogs foi vencedor nada menos que en 13 categorías, entre elas a de mellor longa, mellor dirección, mellor guión e mellor montaxe.
 

Fotofamilia Mestre Mateo
photo_camera Foto dos gañadores e gañadoras dos premios Mestre Mateo 2018. Foto: Óscar Corral / Rocío Cibes.

Mais os recoñecementos para a obra de Goteira non foron unicamente no que respecta ao labor do cineasta meirense. As mellores interpretacións protagonistas -para Melania Cruz e Iván Marcos- e de reparto -para María Costas e Antonio Durán, Morris- tamén deron en Dhogs.

dhogs 2

A dirección de produción para Suso López, a de fotografía para Lucía Catoira, a música orixinal de Germán Díaz, a de arte para Noelia Vilaboa e o son de David Machado e Javier Pato completaron os 13 galardóns do filme, que se poderá ver nos cinemas a partir de maio.

A presenza feminina entre as nominadas, que este ano experimentou un salto cuantitativo, resolveuse co premio ao mellor documental para A batalla descoñecida, de Paula Cons. A mellor serie web foi para Peter Brandon, dos Porco Bravú, mentres Matria -galardoada en Sundance- venceu no apartado de curtas. The  neverending wall levou o galardón á mellor curta de animación. Troubled Times, un videoclip do coruñés Manu Viqueira para os estadounidense Green Day, gañou nesa categoría. E Conserveiras do noso tempo foi considerado polo xurado da Academia Galega do Audiovisual o mellor anuncio comercial.

Por cuarto ano consecutivo, Serramoura foi a mellor serie de televisión. O mellor programa recaeu en A Revista Fin de Semana, Nieves Rodríguez, a mellor comunicadora por Vaia Troula! E Dani Viqueira e Veru Rodríguez, mellor realización por Tesouros no faiado. O vestiario de Juana de Vega. Vizcondesa do Arado, obra de Arantxa Domínguez, e a maquillaxe de Os fillos dos sol, por Chicha Blanco e Vicen Beti, pecharon un palmarés que recoñceu o labor dos vigueses Multicines Norte e da carreira da actriz María Bouzas.

Comentarios