Dezasete cancións finalistas no concurso musical infantil 'Quero Cantar'

Rock, soul, rumba ou música tradicional  son algúns dos estilos das cancións presentadas á I edición do concurso musical infantil Quero Cantar, convocado pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, que inicia agora a súa segunda fase.

Cantadeiras (Ceip Camiño Inglés)
photo_camera Cantadeiras (CEIP Camiño Inglés)

 O vindeiro día 13 de maio reunirase o xurado encargado de decidir que cancións das dezasete admitidas pasarán á seguinte fase do concurso musical Quero Cantar, convocado pola Deputación da Coruña a través da súa área de Normalización Lingüística da que está ao fronte a tamén vicepresidenta Goretti Sanmartín. 

Despois de que o prazo para enviar maquetas rematara o pasado sábado día 30, dezasete foron as cancións recibidas procedentes, na súa maior parte, de escolas de músicas, colexios e asociacións. Tanto na páxina web www.querocantar.gal como na páxina de Facebook do concurso pódense escoitar as distintas cancións, de estilos tan diferentes como o rock, o soul, a rumba ou a música tradicional.

O xurado, que se reunirá o vindeiro 13 de maio, estará composto por cinco recoñecidas personalidades do ámbito da música, que serán as encargadas de decidir as cancións que pasan á seguinte fase. A segunda etapa vaise desenvolver mediante unha votación aberta ao público na páxina de facebook do concurso, entre os días 23 e 29 de maio.

As dez cancións que máis votos obteñan han formar parte dun CD colectivo e, de entre elas, as cinco máis votadas poderán participar na gala final que se vai celebrar no Teatro Colón da Coruña o vindeiro mes de xuño. Alí os grupos deben defender en directo as súas cancións ante  o público e ante un xurado formado por nenas e nenos de educación primaria que deberán elixir a proposta vencedora desta I edición do Quero Cantar.

Os finalistas son os seguintes:

Proxecto Nordés (Cee)
Tarabeliños (A Coruña)
Nubeiras (Chantada)
Grupo da Esmu de Carnota (Carnota)
Collage (Laxe)
Manuel Rial (Cee)
Aaron e Miriam (Culleredo)
Xente Miúda de San Orente (Serra de Outes)
Coro de Visantoña (Mesía)
Esmu de Cerceda (Cerceda)
O Saíme canta (San Sadurniño)
Os bananas (Coruña)
Canta con nós (Ferrol)
Batuke Fillas de Xesús (Coruña)
Esmu Boiro (Boiro)
Leila Santos (Porto do Son)
Cantareiras (Sigüeiro)

Comentarios