Dezanove concertos nas Xornadas de Música Contemporánea en Compostela

As Xornadas chegan á súa cuarta edición con dezanove concertos que terán lugar do 10 ao 19 de outubro en diferentes espazos de Compostela. 

diegogarcia
photo_camera RFG

O obxectivo destas xornadas é fomentar e difundir as últimas tendencias e a innovación da música contemporánea. Neste 2015 celébranse do 10 ao 29 de outubro en diferentes espazos da cidade: Auditorio de Galicia, Teatro Principal, Salón Teatro, CGAC, Cidade da Cultura, Paraninfo da Universidade, Afundación e as Igrexas de San Domingos de Bonaval e a Universidade. A cidade encherase de música contemporánea cun total de 19 concertos, dos cales 3 están enmarcados no programa didáctico das xornadas, AdesTempo, e 3 en Off_Contemporánea!!, que abrangue as propostas máis alternativas do ciclo: outras músicas, outras visións, outros espazos...

A encargada de inaugurar as xornadas, o sábado 10 de outubro na Cidade de Cultura (Museo Centro Gaiás) será a Orquestra de Cámara Galega dirixida por Rogelio Groba (fillo) e que interpretará obras de Rogelio Groba, que con 85 anos atesoura un catálogo de 700 títulos froitos dunha vida dedicada á composición. As Xornadas queren sumarse á celebración do 50ª aniversario de Manuel Rodeiro e Jesús González nunha homenaxe a dous dos compositores máis representativos da música galega actual. Será co Grupo Instrumental Siglo XX dirixido por Florian Vlashi o martes 13 de outubro no CGAC e no concerto teremos varias estreas, unha delas encargo do CNDM. O mércores 14 a cita será con Vertixe Sonora Ensemble na Igrexa de san Domingos de Bonaval que interpretarán música do compositor milanés Giorgio Netti dentro de OFF_Contemporánea!!.

Outros protagonistas serán o dúo galego-portugués KONTAKTEduo, o conxunto estremeño Sonido Extremo, pablo_seoane_trem, o violinista Florian Vlashi e a Real Filharmonía de Galicia dirixida por Diego García Rodríguez, novo e emprendedor director galego que fixo da música contemporánea un dos sólidos piares da súa prometedora carreira. 

Comentarios