As dez citas imprescindíbeis do Womex

Cinco días de “world music”, máis de 2.600 persoas de máis de 100 países, 270 stand, 300 músic@s... presentámosche os “imprescindíbeis” nas cifras do Womex. Comeza esta quarta feira e prolongarase até o domingo.

 

A XX edición de Womex trae a Compostela cinco días enteiros de “world music” que se traduce en cifras que se deixarán notar na capital da nación. 2.600 persoas de máis de 100 países non pasan desapercibidas por moita peregrinaxe que chegue no fin do camiño, 300 músicos de 40 países, arredor de 300 xornalistas e 270 stands instalados na Cidade da Cultura, sede da exposición que se desenvolverá de 2 a 26 de outubro. 

Á marxe da programación pechada para profesionais participantes na feira, Womex ábrese ás amantes da música nas noites de 23, 24 e 25 de outubro nas que se desenvolverán en distintos espazos 45 concertos de música de distintas partes do mundo, alén tamén de proxeccións de cinema no CGAC.  Para aproveitar que unha música con circuítos específicos chega en pleno ao noso pais, figuras con carreiras consolidadas mais aínda non en exceso coñecidos internacionalmente, interesámonos polos nomes imprescindíbeis, eses que cómpre ir marcando na axenda para poder escoitalos ao vivo nesta oportunidade única. Son estes mais poderían ser outros xa que a diversidade é a marca do Womex:  

1.- A nosa “parroquia” musical: A música galega está en Womex, un gran escaparate que pode ser tamén unha plataforma de promoción para os convidados ao programa. Asistir aos concertos de Uxía, Davide Salvado e Germán Díaz en escenarios internacionais é unha boa posibilidade para comprobar como a nosa música “dá o tamaño” no mundo. 

 

2.- Ed Mota (Brasil): Soul, funk e jazz desde Brasil cun dos máis prestixiosos talentos da música carioca dos nosos tempos. Edu Motta mestura a tradición afroamericana coas músicas brasileiras con evocacións de bossanova até música disco cunha linguaxe persoal. 

 

3.-Ajanai (China): O grupo chinés ofrece unha reinterpretación desde a contemporaneidade da música mongol. 

 

4.- Ethiocolor (Etiopía): Música e danza tradicional de Etiopía chea de enerxía e intensidade. Un espectáculo completo creado polo bailarín Melaku Belay cun directo difícil de esquecer. 

 

5.-O Gusto Orquestra (Alxeria): Xudíos e musulmáns dándolle nova forza á música Chaâbi, os sons urbanos e poéticos que definiron o panorama musical de Alxeria nos anos trinta e corenta. 

 

6.-Orkestra Mendoza (EUA):  Mambo, cumbias, rancheiras, merengue, jazz, rumba e indie-rock da man de Sergio Mendoza -de Sonora, México- e a súa orquestra. Banda “indie-mambo” na que a guitarra do seu protagonista, os teclados, a voz e a enérxica posta en escena ofrecen un ritmo que retumbará en todo o espazo do concerto. 

 

7.-Lula Pena (Portugal): Unha das grandes voces de Portugal, artista de culto, chega tamén a Compostela despois de ter publicado o seu segundo disco “Troubadour”, un traballo que nace despois de doce anos e unha presenza morna no escenario público despois da aparición do seu primeiro disco. 

 

8.-Cesárea Évora Orchestra: A Cesária Evora Oschestra volve ao Womex que conmemora o vinte aniversario daquela primeira edición en Berlín na que a propia diva descalza de Cabo Verde cantou. A Orchestra trae o repertorio de Évora, o tesouro que levou e que continúa escoitándose ao vivo na súa memoria por parte desta banda que está formada na súa maior parte polos propios acompañantes da artista.  

 

9.- Só para delegad@s, mais, en todo caso, de carácter obrigado para eles e elas. O Opening Concert de Womex, dirixido por Xosé Manuel Budiño e no que participarán Mercedes Peón, Germán López, António Zambujo, Jorge Pardo, Xabier Díaz, Oreka Tx e o propio Budiño. Será no Auditorio de Galicia. 

10- Clausura. O domingo, na sesión de mañá, de 12 a 14 horas, Womex despedirase de Compostela cunha cerimonia de clausura na que participarán Glitterbeat de Alemaña, Mário Lúcio Sousa de Cabo Verde e a portuguesa Mariza, última voz da cita galega da maior feira de world music que superará nesta edición a afluencia das cinco últimas. 

As entradas custarán vinte euros para os concertos da Quintana e o bono de 55 permitirá acceder, aliás, aos concertos no Auditorio Abanca, o Teatro Principal, o Salón Teatro ou a Sala Capitol

Comentarios