Dez, cen, mil veces Díaz Castro

O crítico literario de Sermos Galiza achéganos ás novidades editoriais publicadas arredor da figura de X. M. Díaz Castro, o poeta ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Desde a reedición da súa obra cumio, Nimbos, até a publicación da obra completa, biografías ou mostras do seu labor como tradutor. 

Díaz Castro
photo_camera Díaz Castro

A festividade das Letras coincide sempre cunha abondosa aparición de libros e outros materiais sobre a persoa homenaxeada. Dalgunha forma iso é o mellor e o peor que a celebración trae cada ano. Por unha banda, a capacidade de seguir a marcar os ritmos da industria cultural do país, fomentando en ocasións a recuperación de obras descoñecidas, perspectivas pouco exploradas e materiais inéditos. Do outro lado, a débil liña que separa ás veces a homenaxe do oportunismo, algo que se ten manifestado en máis dunha edición da efeméride a través de tensións editoriais e mesmo persoais. 

"Díaz Castro, autor dun único libro, acadou unha ampla popularidade dunha forma tamén pouco habitual, sendo algúns dos seus poemas amplamente coñecidos, mentres o resto da súa circunstancia e da súa obra permanecía nun discreto segundo plano".

Nesta ocasión, probabelmente esteamos ante un caso especial. Díaz Castro, autor dun único libro, acadou unha ampla popularidade dunha forma tamén pouco habitual, sendo algúns dos seus poemas amplamente coñecidos, mentres o resto da súa circunstancia e da súa obra permanecía nun discreto segundo plano. A concesión do Día das Letras neste 2014 centra a difusión destes aspectos en persoas e entidades que lle foron particularmente próximas ou que mantiveron vivo o interese no guitiricense durante estes últimos anos, alén de pular para que o grande recoñecemento póstumo da cultura galega se fixese efectivo. 

Nese sentido, resulta innegábel o protagonismo da Editorial Galaxia, a casa que o editou en galego en 1961 e que, a través do seu círculo intelectual animou tanto á creación e configuración final de Nimbos, unha obra que acaso nunca vise a luz de non ser por eses esforzos. A reedición da única obra de Díaz Castro non podía faltar, prologada nesta ocasión por Luís González Tosar, a persoa que axudou ao guitiricense a fixar a última versión que revisou en vida, no ano 1989. Ese mesmo texto é o que figura tamén na Poesía galega completa, a edición que o estudoso diazcastriano Armando Requeixo fai, engadindo a ese mítico Nimbos unha compilación de obra dispersa, alén de dous poemarios de mocidade inéditos. Non rematan aquí os libros cos que Galaxia celebra unha das voces coas que removeu a poesía nos anos da ditadura, como vén sendo habitual con cada figura homenaxeada, a editora lanza tamén este ano o Vida e obra, biografía manexábel do autor asinada tamén por Requeixo e que ten o mérito de interesarnos por unha vida sinxela, que aconteceu sen grandes aventuras nin riscos políticos e que porén deixou unha marca inapagábel na literatura da súa época. Completa a aposta de Galaxia a fotobiografía Nimbos de luz, un fermoso volume que une na súa confección aos tres nomes que máis traballaron neste tempo pola vixencia do autor. Aos xa citados Requeixo e Tosar súmase a coordinación de Alfonso Blanco Torrado, sacerdote católico que, apoiado na asociación Xermolos, fixo brillar a luz de Díaz Castro e a súa candidatura constante ás Letras.

Porén a complexidade do autor aínda deixa marxes abertas a outras achegas. A dimensión da relixiosidade popular na súa obra, que xa fóra explorada polo propio Blanco Torrado, permite a inusual participación na homenaxe das Letras deste ano de Segundo L. Pérez López, Deán da Catedral de Santiago de Compostela, con A ferida da beleza en Nimbos. 

 "A faceta políglota de Díaz Castro tamén ten a súa propia lista de obras"

Da mesma forma, a faceta políglota de Díaz Castro tamén ten a súa propia lista de obras. Dun lado, o Cartafol de traducións, homenaxe do Consello da Cultura Galega ao poeta que recompila algunhas das traducións de poesía que fixo (fundamentalmente ao castelán), ao tempo que repasa e explicita esa dimensión non demasiado coñecida, e que foi, en boa medida, a forma na que o poeta gañou a vida nos seus anos en Madrid. Por outra parte, a compilación da poesía que escribiu en castelán, testemuñal pero suficiente para encher un volume publicado pola editorial madrileña Eneida baixo o título de Sombras radiantes y otros poemas.

A perspectiva sobre o autor será obxecto tamén de distintos volumes de investigación, máis orientados a un público académico, tanto da man do Centro Ramón Piñeiro como do Departamento de Lingua Galega da USC. Neste último volume, editado pola propia universidade, inclúense ademais os facsímiles do manuscrito do poemario Follas Verdes e da sección «Galiza /Galice» da antoloxía bilingüe Terre d›Espagne / Tierra de España de Françoise Pechère, un documento pouco coñecido e que demostra a rápida canonización da poesía de Díaz Castro.

"Cabe destacar tamén o libro infantil O neno e a estrela, publicado pola editorial FabaLoba, e destinado a facilitar o acceso das crianzas á figura do poeta".

Noutros eidos, cabe destacar tamén o libro infantil O neno e a estrela, publicado pola editorial FabaLoba, e destinado a facilitar o acceso das crianzas á figura do poeta. Da mesma forma, tamén o audiovisual vai render o seu tributo a Díaz Castro, o primeiro paso foi o Proxecto Nimbos, posto en marcha hai case un ano por Martin Pawley como convite a cineastas do país para facer unha curta inspirada en Nimbos. Nun sentido máis documental, o tamén guitiricense Xosé Antón Cascudo dirixiu O instante eterno, unha liña que complementa Gonzalo E. Veloso coa súa particular visión do autor na peza Reubicando a Díaz Castro. E por suposto tamén o mundo da música volverá os seus ollos ao autor, nun ano no que Penélope xa é un dos poemas máis musicados.

Comentarios