Dez anos “rompendo a barreira” da música contemporánea

Hai xa dez anos, o Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) dábase a coñecer cun concerto feito en colaboración con 111 ciclistas. Unha década despois, as cousas mudaron para a música clásica contemporánea en Galicia. Falamos co director do TAC, Diego García.
TAC Foto Roxelio Fernández
photo_camera Membros do Taller Atlántico Contemporáneo. (Foto: Roxelio Fernández)
Na exposición Mirar o son, no Auditorio de Galicia, pode verse un vídeo do seu primeiro acto público, hai 10 anos. Máis de cen bicicletas no Obradoiro, en Santiago…
Foi o noso primeiro acto como TAC, si. Queriamos facer unha performance musical na que puidese participar xente que non fosen músicos. Só precisabamos que tivesen unha bici, darlles catro pautas claras… e ao final apuntouse máis dos 111 que nós pediamos. Facer ese acto foi xa unha mostra do noso obxectivo, que é achegar a música contemporánea á xente, romper esa barreira, facer que se lle perda o medo.
 
E que conseguiron que mudase nestes 10 anos, respecto a iso?
Hoxe hai máis xente traballando pola música contemporánea, máis proxectos, máis ensembles, unhas xornadas de música contemporánea en Santiago… Non fomos nós sós, pero penso que iniciamos un movemento de abrir a música contemporánea á xente, que se foi deixando atrás a idea de que non era unha música para todo o mundo...
 
Os Seráns do TAC, que facían na Cidade da Cultura, respondían a ese obxectivo. Xuntaban música, gastronomía e humor…

Os Seráns eran un xeito de que a xente se xuntase para gozar da música contemporánea, introducida de modo lúdico por artistas que conectan ben co público coma Quico Cadaval, Cándido Pazó e Carlos Blanco. Tiñamos a sorte de ter relación coa xente do Grupo 9 e eles crearon tapas relacionadas co noso programa musical. Foi unha idea pioneira…
 
Unha vez fixeron música con motos Harley Davidson. Bicis, motos… Como a Vertixe Sonora, introducen elementos que non identificamos en principio como instrumentos…
A Vertixe tamén o fan, e con resultados excelentes, si. Utilizar elementos máis próximos ao día a día é mostrar que tamén están no día a día da música contemporánea. É unha obra de Dieter Schnebel. Fixémola nos Xardíns Méndez Núñez e foi outra maneira de mostrar o mesmo. Antes de que existise o TAC tiñamos concertos de moi pouco público, ás veces 4 ou 5 persoas. Despois, chegamos a ter unha vez no Museo do Pobo Galego 350 persoas... Iso antes sería impensábel. Facemos un traballo de crear público.
 
O TAC está formado por músicos da Real Filharmonía e da Orquestra Sinfónica. Hai tamén, intercambio de público con estas orquestras?
Tamén temos profesores dos Conservatorios. A Orquestra Sinfónica e a Real Filharmonía tamén están a facer esforzos por facer cousas diferentes para chegar á xente. E é algo natural: somos músicos e o que queremos é compartir a nosa paixón.
 
O último concerto de celebración dos 10 anos, no Auditorio de Galicia, foi retransmitido por streaming. Está a volverse normal iso coa covid.
Si, pero eu son algo escéptico. Penso que só pode ser un complemento, pero o que queremos nós realmente é levar a xente aos teatros.
 
Algo no que traballan tamén bastante é na difusión de música de compositores galegos...

Si, de feito o noso primeiro ciclo no CGAC foi de compositores galegos. É unha forma de facer cultura, de facer país. Facemos encargos a compositores galegos e cando traemos directores convidados de fóra tamén procuramos que inclúan algunha peza de compositores galegos.
 
Tamén levaran un piano ao faro de Fisterra…
Si, fora moi bonito tamén. Foi Satie Vexations, unha obra moi curta que hai que facer 480 veces seguidas. Percorremos as escolas de música para atopar pianistas -27 foron- para poder estar tocando esta peza 18 horas seguidas.
 
Actuaron no Festival Via Stellae con Siniestro Total.
O rock forma parte tamén das nosas vidas. Empezamos a pensar en Siniestro Total e, cando contactamos con Julián Hernández, soubemos que é un fanático da música contemporánea. O que fixemos, ademais, non foi un concerto de rock acompañado de orquestra, senón ao revés. Foi un éxito total.
 
E nunca fixeron nada con músicos de jazz?
Non directamente. Tivemos algún proxecto que non chegou a realizarse. Pero si fixemos por exemplo Music Circus de John Cage, para a que contamos coa colaboración de músicos de moitos estilos, entre eles algúns jazzistas. Era como un bazar no que a xente podía ir camiñando e parando onde quixese: había rock, jazz, contemporánea, poetas… Unha auténtica celebración da música.
 
Tocaron bastante fóra. Na Semana da Música Relixiosa de Cuenca, por exemplo.
E no Auditorio Nacional de Madrid e no Festival Internacional de Música e Danza de Granada, onde volveremos para facer as musicalizacións de George Crumb de poemas de Lorca. Tamén estivemos na Quincena Musical Donostiarra ou no Festival de Santander.
 
Veñen de gañar o premio Martín Códax da música.
Si, e xa o gañaramos no 2013, na primeira edición destes premios. Nese mesmo ano gañamos o Premio da Crítica Galega polos Seráns, que foron algo rompedor…

Comentarios