O Festival de contacontos Sete Falares volta a Pontevedra

O evento chega á súa décima edición e muda o exterior por actuacións no convento de Santa Clara entre o 4 e o 11 de xuño.
Carme da Silva, á esquerda, con Tareixa Alonso, de Pavís Pavós (Foto: Nós Diario).
photo_camera Carme da Silva, á esquerda, con Tareixa Alonso, de Pavís Pavós. (Foto: Nós Diario)

O Concello de Pontevedra comezou a presentar as actividades que anuncian a chegada do verán. Unha delas, con dez anos de historia (naceu en 2012), é o Festival Sete Falares, un dos principais eventos para atopar o mellor da narración oral na Galiza.  

Con motivo do aniversario, a concelleira de Festas, Carme da Silva, explicou en rolda de prensa que haberá unha  programación especial que seguirá contar coa colaboración da compañía Pavís Pavós.

O evento terá lugar entre o 4 e o 11 de xuño, oito xornadas "nas que a palabra encherá o convento de Santa Clara de historias, de historias para compartir e escoitar", explica a edil en relación ao lugar escollido para este ano. 

Da Silva lembrou que "Sete Falares foi cambiando de formato ao longo das edicións, propoñendo agora oito días de aventuras de todo tipo". Fixo historia ao relatar que "empezou sendo un evento para espazos abertos, en prazas" cando se decataron que "cada vez que chega Sete Falares, e non importa que semana do ano sexa, sempre chove, sempre pasa, sempre; así que vendo as previsións, desta vez Concello e Pavís Pavós decidimos facelo xa en Santa Clara, e quen sabe se así poderemos evitar a choiva". 

A edil explicou que a antiga igrexa de Santa Clara será un espazo único á hora de escoitar esas historias que contadores e contadoras galegas e doutras partes do mundo. Todas as sesións realizaranse neste espazo, agás a Ruta de Historias, unha cita moi concreta que se desenvolverá o 10 de xuño, xa na noite, onde 4 grupos de 60 persoas percorrerán a cidade visitando lugares emblemáticos namentres escoita historias. 

As invitacións, para este caso, poderán ser recollidas na igrexa de Santa Clara desde ás 21.30 horas, collendo unha reserva para calquera das catro quendas que partirán desde este punto, a partir das 22 horas. O resto de espectáculos non precisarán reserva de ningún tipo, só asistir ao lugar até completar a ocupación do recinto.

Na programación este ano nomes como Paula Carballeira, que abrirá o Festival o 4 de xuño, xunto a Lorena Pinheiro, Vero Rilo, Ana Carreira, María da Pontragha, Fernando Guerreiro, Alberto Sebastián e Mohamed Hammú.

Comentarios