Dez anos da candidatura do patrimonio inmaterial

Cúmprense 10 anos da candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués na sede da UNESCO e celébrase esta cuarta feira en Tui con Xurxo Souto, Malvela, Quico Cadaval e moitos máis.

patrimonioinmaterial
photo_camera Presentación da Gala

O vindeiro 25 de novembro os actos comezarán coa Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa que baixo a denominación ‘Temos Patrimonio!’ convocará no Teatro Municipal de Tui a partir das 11:30 a alumnado de centros educativos de Galiza e do Norte de Portugal co obxectivo de transmitirlles ás novas xeracións as manifestacións da tradición oral a ambos lados da fronteira que se mantén viva na actualidade a través da música, o teatro, a narración oral… 

Na Mostra participarán o escritor e músico Xurxo Souto, o grupo de música tradicional Tradisón, o grupo de música infantil, A Gramola Gominola, e a compañía de teatro portuguesa Os tres irmãos e outras historias de amor.  
En horario de tarde, ás 20:30 horas e tamén no Teatro Municipal de Tui, celebrarase a Gala do Patrimonio, que dá cabida a persoas e grupos que se consideran 'portadoras' do valor do patrimonio inmaterial galego-portugués por todo o mundo. O cartel está composto por Malvela, un grupo de mulleres raianas que interpretan cancións tradicionais, o quinteto de Porto Vozes da Rádio, as Cantadeiras do Neiva de Viana do Castelo, o actor e director teatral Quico Cadaval, a cantautora galega Uxía, o músico portugués Augusto Canario, e o escritor e músico galego Xurxo Souto. 

Santi Veloso explicou que a gala “pretende ser un acto de lembranza pero tamén unha mostra da vitalidade da nosa cultura galaico-portuguesa. O patrimonio inmaterial galego-portugués foi transmitido de xeración en xeración e chegou até o século XXI con formas vivas e renovadas”. 
 


 

Comentarios