Despedir o verán no Festival do Leite

A illa das Esculturas de Pontevedra enmarcará a última cita da axenda estival de festivais con Sés, De Vacas e Triángulo de Amor Bizarro de cabeza de cartaz

(Foto: Deleite)
photo_camera (Foto: Deleite)

Vence a estación dos días longos, as terrazas coas amigas e o cheiro a protector solar. En dúas semanas, o verán chega á súa última fin de semana e o Festival do Leite prepara para a ocasión unha xornada na illa das Esculturas de Pontevedra. O sábado 15, a cidade do Lérez dará cita a dez bandas galegas ou ligadas ao país, amais dunha programación infantil para as persoas máis miúdas.

A cantautora coruñesa Sés, o grupo De Vacas, os barbadeses Triángulo de Amor Bizarro e The Limboos –parte dos seus integrantes están relacionados coa Galiza– lideran un cartaz que se completa coa música garage de Bifannah, o noise rock de Disco Las Palmeras!, o rock and roll vigués dos The Soul Jacket, o indie pop de La Casa de los Ingleses, Cora V, Gold & Colt e Carlangas DJ, o líder de Novedades Carminha. Pola súa banda, as crianzas poderán bailar ao ritmo de Maria Fumaça e A Gramola Gominola. O debuxante Luis Davila –coñecido pola súa obra no Faro de Vigo, O Bichero– tamén ofrecerá actividades para as pequenas.

O Festival do Leite é un evento musical gratuíto nado hai un par de anos da man da marca Deleite Galego, propiedade de gandeiros galegos. O obxectivo da cita procura poñer en valor a importancia do sector lácteo para Galiza á vez que apoia a música feita na Galiza. Alén do ritmo e o bo ambiente, as persoas asistentes poderán degustar os produtos dos postos de comida.

“Concíbese a modo dunha romaría, antiga pero moderna”, explica o coordinador, Pedro González, na apresentación oficial, onde tamén estiveron a concelleira Carmen da Silva, o debuxante Luis Davila e o produtor técnico do evento, Manuel Tarrío. Desde Deleite agradeceuse na presentación de hoxe a colaboración do Concello de Pontevedra co evento.

Comentarios