O autor da 'Historia contemporánea de Galiza' foi un especialista na figura de Murguía

A despedida de Xosé Ramón Barreiro

O catedrático Xosé Ramón Barreiro faleceu na madrugada da terza feira na Coruña, aos 84 anos. O que fora decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC e presidente da RAG, foi para os seus discípulos e achegados “un sabio” que traballou por situar “a historia da Galiza no lugar no que está hoxe”.
EuropaPress_3609908_xose_ramon_barreiro
photo_camera O catedrático Xosé Ramón Barreiro foi tamén o primeiro decano da Facultade de Xeografía elixido de maneira democrática. (Foto: Europa Press)

Nado en Ribeira en 1936, Xosé Ramón Barreiro licenciouse en Dereito Canónico pola Universidade Gregoriana de Roma e en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), entidade na que se doutorou como historiador coa tese O campesiño galego no século XIX: economía e sociedade. Un século, o XIX que espertaba no catedrático un interese especial. 

A súa carreira estivo vinculada á historia política da Galiza, con particular relevancia no referido á historia contemporánea e á figura do tamén historiador Manuel Murguía. Sobre este aspecto o discípulo de Xosé Ramón Barreiro e profesor, Ramón Veiga, conversa con Nós Diario e comenta que “é difícil sinalar un historiador que teña traballado e que teña contribuído máis á construción intelectual da historia de Galiza”.

“A súa paixón era Murguía, para Xosé Ramón Barreiro era un referente absoluto e pódese dicir que a moderna historiografía da Galiza naceu con Murguía e moitos consideramos que o gran continuador, no século XX e no que vai do XXI, foi Barreiro”. 

O seu libro Murguía recibiu o Premio da Crítica 2013 na modalidade de investigación e o volume Historia contemporánea de Galiza, publicado en 1981, recibiu o Premio da Crítica, e foi para os seus discípulos un libro de cabeceira. 

Un traballador da historia

O profesor Ramón Veiga lembra que Xosé Ramón Barreiro “tiña moitas inquedanzas, pero sobre todo quería que se investigase historia da Galiza, apenas era unha especialidade na Facultade de Historia e el tiña esa teima, facer o que estaba a acontecer en Catalunya ou en Euskadi, desenvolver un programa investigador centrado na Galiza e, sobre todo, na historia política”.

“Hai poucos nomes dos que se poida dicir que son construtores da historia moderna da Galiza na etapa contemporánea”, insiste Veiga, “un pode ser Ramón Villares e o outro é Barreiro, a min non me queda ningunha dúbida”, asegura.

“As biografías”, di Veiga lembrando Parlamentarios da Galiza: biografías de deputados e senadores, “foron un traballo de longuísimo percorrido, que lle levou moitísimo tempo e foi absolutamente pioneiro"."Tanto estudar na historia para acabar formando parte dela", engade a modo de epitafio de quen recalca "o labor investigador e divulgador".

O seu labor na Academia

Do mesmo modo que desde a cátedra de Historia, Ramón Veiga destaca de Xosé Ramón Barreiro que era desta caste de investigadores cunha "bestial" implicación social, que o levou a presidir a Real Academia Galega (RAG), "unha institución difícil de manexar, mais foi un paso máis da implicación que tivo coa sociedade civil".

Na mesma liña exprésase o seu compañeiro e académico de número da RAG, Xosé Luís Axeitos, quen reivindica que "como presidente da Academia foi quen a renovou; Fernández del Riego nunca exerceu, hai que dicilo porque é un engano que se está proxectando na sociedade".

"Barreiro decatouse de que a RAG, durante a actividade de García Sabell, se tornara invisíbel por intereses políticos, porque querían proxectar o Consello da Cultura Galega e canonizar escritores a través de Galaxia. Tiñan a Academia en quietísmo, como fan os masóns, era unha Academia durminte", enfatiza Axeitos. 

"Barreiro decatouse e trazou un proxecto para revitalizala e facer a súa historia, que estaba sen facer, e para reivindicar dalgunha maneira o carácter cívico e independente da institución", engade. O investigador relata como Barreiro botou man do centenario da Academia "mais o seu labor comezou xa como tesoureiro da institución". 

A nova publicación do Boletín da RAG, "que había 20 anos que non se publicada", pon en primeiro plano a loita da Academia xa antes de existir como tal, reivindicar os Xogos Florais en Tui ou a "exaltación do rexionalismo e da reivindicación da Galiza como nación no primeiro mitin en Betanzos", son só algúns dos episodios que Axeitos destaca de alguén que tiña por obxectivo "visibilizar unha institución que nunca traizoou o país, e Barreiro consciente e sabedor iniciou ese labor que continuou Ferrín".

A bonhomía do mestre

Ramón Veiga lembra, ao que recoñece como o seu mestre, pola súa "bonhomía, o seu desprendemento, propio dos grandes intelectuais que non quedan con nada para si senón que o tentan transmitir todo".

Para Veiga, Xosé Ramón Barreiro formaba parte "desa xeración de historiadores, que xa van quedando moi  poucos, que ademais de faceren un traballo espectacular de investigación e de divulgación, teñen a capacidade de estar noutras institucións".

Comentarios