Desmontar a Manuel Antonio, croquetas coa momia dun "poeta intocábel"

Precísase desmontar a Manuel Antonio? É intocábel o poeta de Rianxo? Que hai detrás da pipa e o chapeu? A revista española Jot Down repara no escritor a través da sinatura de Marcos Abal. 

Manuel Antonio
photo_camera Manuel Antonio

“Creouse unha coiraza arredor de Manuel Antonio” di o escritor e xornalista Marcos Abal no inicio do seu artigo "Variaciones sobre un poeta gallego" publicado pola revista Jot Down no que tenta “desmontar” o que cualifica como poeta “intocable”. Ao seu ver, o primeiro labor literario de Manuel Antonio é construírse como poeta, crear un nome e unha biografía que se alonxara do ambiente pechado e arcaico do que procedía. O primeiro paso, eliminar os apelidos. “Isto é o primeiro que fará o poeta; antes do primeiro verso compón o  nome. Máis lixeiro, aínda se ve rodeado de aldea, e a aldea é ouro encordio. A aldea, como se sabe, é o punto máis lonxano dun centro, de calquera centro” apunta Marcos Abal, dese primeiro paso para se converter en poeta de vangarda. 

“É algo que se repite sempre ao falar de Manuel Antonio, o da nai conservadora, como se tivera sido máis probable ter unha nai jipi, unha especie de Cher con mandilón negro"

Croquetas coa momia

“Hoxe en día dá un pouco ganas xa de facerse unhas croquetas coa momia de Manuel Antonio, deixando ao lado o bigote” comenta Abal, despois de lembrar a ocorrencia de Suso de Toro no “Manifesto Kamikace” con Castelao e afondar na “ausencia de sentido do humor” do manifesto “Máis alá” do outro rianxeiro. 

Non é que Manuel Antonio tivese unha vida apaixonante vencellada ao mar. Tiña que buscar a aventura desde a aldea e, no seu Rianxo, a única vía era o mar, co horizonte infindo. “Sabe que a vida e obra son o mesmo, fuxe do aburrimento e dunha vida sen biografía” apunta o autor do artigo de Jot Down.

“Tampouco se aproveita moito ese legado, por medo a destapar o radical nacionalismo, ou polo que sexa"

A vida aburrida era a que atopaba nunha casa na que convivía cunha nai conservadora en extremo, como gustan lembrar os biógrafos. “É algo que se repite sempre ao falar de Manuel Antonio, o da nai conservadora, como se tivera sido máis probable ter unha nai jipi, unha especie de Cher con mandilón negro na Galiza costeira de comezos do século XX” contradí Abal. 

Mais se hai un episodio no que a lenda, a realidade, a miseria e a fantasía se dan a man é coa famosa maleta de Manuel Antonio. O legado sobre o que corren, cando menos, tantas versións coma océanos. “Tampouco se aproveita moito ese legado, por medo a destapar o radical nacionalismo, ou polo que sexa. Manuel Antonio sempre tivo fama de extremado”. 

Poesía, mar e tuberculose son as tres palabras coas que Marcos Abal define a Manuel Antonio, aquel mozo que decidiu recorrer os mares en barco ao non poder deambular polos cafés de París, no seu intento de “desmontar” a quen define como “poeta oficial da vagarda galega”.

Comentarios