A desigualdade de xénero no sector audiovisual galego

Ante a desigualdade de xénero nalgunhas especialidades finalistas nos Premios Mestre Mateo, profesionais do sector audiovisual galego expoñen en conversa con 'Nós Diario' a actual situación do sector. A secretaria da Academia Galega do Audiovisual, Saamira Ganay, sinala que, a pesar do moito que fica por facer, as cifras de mulleres profesionais van en aumento e destaca unha particularidade galega: contar historias sobre mulleres do ámbito rural. 
auiovisual

A  Deputación de Pontevedra acaba de lanzar os premios “Mulleres no foco”. Unha iniciativa en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e Medios Audiovisuais (CIMA) que ten como obxectivo “pór en valor o traballo das profesionais galegas no audiovisual co fin de mudar as cifras de infrarrepresentación actuais de mulleres no sector”.

Este desequilibro de xénero está moi presente na Galiza. Se analizamos as finalistas nos Premios Mestre Mateo deste ano podemos observar que en especialidades como Dirección, Dirección de Fotografía ou Son non hai ningunha candidata feminina en contraposición á de Maquillaxe e Peiteado e Dirección de Produción, onde todas son mulleres. Esta desigual  distribución tamén se aplica nos datos a niveis xerais. 

'Á protagonista subíronselle os fumes' é algo que nunca escoitei dicir dun actor", di Melania Cruz

O Observatorio da Cultura Galega publicou en 2019 o estudo A situación das traballadoras dos sectores audiovisual e das artes escénicas na Galiza, onde reflicte que o 42% de profesionais son mulleres fronte ao 58% de homes. Distribuíndo por categorías, en proxectos cinematográficos, vídeos e programas de televisión, as mulleres representan o 48,7% do sector; en creacións artísticas e espectáculos, son o 37,4%; e en programación e emisión de televisión, tan só o 32,1% das profesionais son mulleres.

Estas porcentaxes, malia ser baixas, mostran unha tendencia á alza na integración da muller no audiovisual e artes escénicas galegas. O mesmo estudo expón que entre os anos 1980 e 1999, só o 22,2% do sector era feminino, mais aumentou ao longo da primeira década deste século, onde medrou a porcentaxe até un 38,4% e, desde 2010, 45,6% das profesionais son mulleres.

Con estes datos, a secretaria da Academia Galega do Audiovisual, Saamira Ganay, destaca unha particularidade da Galiza: a maior cabida de personaxes femininas grazas ás historias de mulleres do ámbito rural. “A ficción audiovisual do país mostra unha realidade máis diversa que a do resto do Estado español e o cine de menor orzamento ofrece unha representación máis equilibrada e fala máis do que lles pasa ás mulleres. Cando baixa o orzamento existen máis posibilidades de contar historias de mulleres producidas por mulleres”, sinala en conversación con Nós Diario.

Malia isto, Ganay considera que a tendencia no audiovisual segue sen ofrecer diversidade nas personaxes femininas. “Aínda que si hai unha tendencia ao aumento de personaxes femininos, segue a darse moito o ‘síndrome da Pitufina’, nun elenco masculino o papel feminino simplemente implica interpretar unha muller, non se lle dá un rol máis importante”.

Historias de mulleres contadas por mulleres

Traballando en contra deste último concepto, produtoras como Cósmica, creada por Nati Juncal e Sonia Méndez, priman as historias como a de Luz Fandiño. O documental titulado A poeta analfabeta fala sobre a historia desta poeta, activista, feminista, nacionalista e revolucionaria. “Malia que acabamos de nacer, o noso obxectivo non só é traballar con mulleres, senón tamén sacar adiante proxectos creados polas profesionais”, indica Juncal en declaracións ao xornal. 

A falta desta diversidade feminina no audiovisual galego non só é salientábel na gran pantalla. "Non existen presentadoras no prime time galego que sexan algo máis que un elemento de beleza. Fan falla máis mulleres carismáticas. Temos comunicadores marabillosos que fixeron moito polo noso audiovisual como Gayoso ou Piñeiro, pero está chegando o momento de que outras marabillosas comunicadoras do país ocupen espazos de prime time e programas máis fixos na grella galega, sen, desde logo, deixar de lado os presentadores masculinos", apunta a secretaria da Academia. "A chave, ademais, estaría en que as comunicadoras sexan de todo tipo de mulleres, diversas", puntualizada Ganay. 

Personaxes masculinos máis emocionais 

Para a secretaria, esta desigualdade de xénero e o estereotipo feminino imposto polo "patriarcado no que vivimos é un problema social que non só afecta ás mulleres, senón tamén aos homes". "Temos constancia desde a Academia que moitos compañeiros están fartos desas personaxes masculinos que non amosan as súas emocións e que lles gustaría poder desenvolver ese lado máis emocional que non sempre se atopan nas producións", explica Ganay. 

Protagonista "con fumes"

Para a directora e guionista da serie web finalista dos Mestre Mateo Amnesia 3.0 , Irene Pin, o problema do patriarcado "faise notar nos créditos e na representación das mulleres nos discursos audiovisuais, mais isto vai máis aló do noso sector e está claro que é un problema social moi amplo que aínda queda por traballar". 

Disto é testemuña a actriz Melania Cruz, quen en conversa telefónica con Nós Diario relata un acontecemento de hai tres anos. "Nun proxecto determinado, no que tiña unha escena de cama, pasei bastante tempo sen parte de arriba porque estaban iluminando. Ao non acabar este traballo, e sendo eu unha persoa friorenta, nun momento determinado comentei en voz alta con certo ton humorístico que me estaba a coller o frío. Unha persoa con bastante responsabilidade do equipo respondeu que 'á protagonista xa lle están a subir os fumes á cabeza', algo que xamais escoitei dicir a un actor nunha rodaxe", relata Cruz. 

En conxunto, estas profesionais destacan que, para poder chegar a alcanzar unha igualdade de xénero no sector, e na sociedade, é precioso moita máis educación en igualdade, desde os niveis máis elementais, que se cumpran as relacións de ocupación de mulleres nas especialidades do sector, que non o teñan tan complicado para poder acceder a cargos de alta responsabilidade e conseguir máis datos sobre a actual situación no audiovisual galego. 

Comentarios