O deseño galego reivindícase no #follow20, coa vista posta na primeira Semana do Deseño Galego

Durante esta semana está a ter lugar o festival #follow20, un ambicioso proxecto que arranca este ano coa idea de dar orixe en 2021 á Galician Design Week, integrada nos circuítos internacionais. 'Nós Diario' debulla os obxectivos desta "edición cero", que procura conectar o sector coa sociedade do país. 
Exposición física na praza de Lugo (A Coruña).
photo_camera Exposición física na praza de Lugo (A Coruña).

Durante esta semana transcorre o Festival do Deseño Galego #follow20. Trátase dunha "edición cero", destaca Alex Rico desde a organización. É unha iniciativa na que levan traballando máis dun ano: "Este debe ser xa o plan D ou E", brinca o creativo sobre as múltiplas reformulacións ás que obrigou a cambiante situación.

Con todo, "empeñámonos en facelo igualmente, aínda que non era o que tiñamos na cabeza". Iso si, a vista téñena posta en 2021, cando contan con levar a cabo a primeira Galician Design Week, dentro do circuíto de citas internacionais en lugares como Barcelona, Londres, Nova York ou México.

O pouso de fondo que motiva esta iniciativa é o de conectar a poboación galega coa realidade do sector. "Queriamos reivindicar o valor do deseño, que está aí desde que unha persoa se ergue até que se deita, porque o colchón tamén é deseño industrial", di Rico. A cuestión reside, pois, en facelo "máis evidente" para lle prestar atención e decatármonos do seu valor.

Entre as persoas participantes atopamos a Marcos Dopico. As letras coas que len o titular desta nova son da súa autoría, igual que outras fontes que emprega a versión en papel de Nós Diario: Atlántica Serif Display, Máis Grotesk e Isacc.

O tipógrafo e docente da Universidade de Vigo aprecia a iniciativa do #follow20 de maneira moi positiva, pois non abundan as propostas deste tipo, con frecuencia por parte da Asociación Galega do Deseño (DAG).

A súa importancia reside para Dopico na divulgación na sociedade, xa que moita xente aínda "non ten moi claro" o que implica este universo das industrias creativas. E é que, a pesar do bo momento que poida atravesar o sector, "queda moito por facer".

Dixital e presencial

A programación ten nesta edición inicial un peso fundamental do dixital, sen esquecer o formato físico, adaptado ás actuais circunstancias, o que implica, "por desgraza, cunha interacción moi limitada", sinala Rico.

Mais a acollida está a ser boa, quer no virtual -a través de Instagram- quer no físico -co núcleo na exposición da praza de Lugo (A Coruña) ou na carpa na que as creadoras mostran o seu proceso en vivo. Aliás, a programación inclúe múltiplos contidos dixitais, desde unha microserie documental até conversas entre profesionais ou unha revisión de portfolios.

De cara ao futuro aspiran a se converter nun "catalizador de experiencias" para o tecido profesional galego, nunha edición "máis física, moi vitaminada e que nos sitúe no circuíto internacional", asegura Rico. Isto, conciliando tamén unha oferta de ocio "máis amábel", para achegarse aos diferentes públicos.

O deseño, omnipresente pero invisíbel

O deseño na Galiza está, para Rico, "pouco promovido" e acusa "unha fuga de talentos crónica". De feito, moitas das profesionais que teñen a obra exposta no #follow20 non viven nin traballan no país, destaca. Todo isto explícase pola falta de valorización do seu traballo que o festival quere axudar a paliar.

Para Dopico o sector atravesa un bo momento polos profesionais que existen. Porén, pon o foco nos "retos" que enfronta o deseño, un deles centrado noutra das súas facetas: a de docente.

A formación require dun sistema permanente e con apoio á investigación que permita o mantemento dunha cadea profesional e con consciencia do deseño desde o país. Actualmente, "a maioría de profesionais son autodidactas ou formados fóra", sinala.

Igualmente, desde unha óptica empresarial, Dopico considera oportuno "aprender a confiar no traballo dos deseñadores". Nese descoñecemento xeral do deseño atópanse disciplinas como a tipografía, que Dopico debullou na súa intervención no festival con formato web.

O tema enmárcase nas súas investigacións recentes arredor do deseño tipográfico vencellado ao territorio e a aplicación na identidade corporativa, ao tempo que o sitúa nas correntes internacionais.

Comentarios