Arqueoloxía

Para descubrir as tatuaxes da paisaxe

O Consello da Cultura Galega analiza o estado da arte esquemática
Penedo Gordo sin tratar
photo_camera Penedo Gordo sin tratar

Desde hai máis dunha década, está aberta unha importante liña de investigación arredor da arte rupestre no sur oriental da Galiza. Dous achados casuais confirmaron en 2017 o potencial da zona. O primeiro foi a Cova dos Mouros da Fontaneira (Baleira) e posteriormente apareceron as do Penedo Gordo (Vilardevós).

Xa máis recentemente, descubriuse un importante conxunto de pinturas en Casaio (Valdeorras) e, novamente na comarca de Monterrei, no conxunto arqueolóxico do Castelo das Laxes das Chás/Lobarzán. Moitos deses sitios sitúanse no ámbito xeográfico dos vales de ríos importantes, que serviron como corredores de circulación, polo que axudan a coñecer fenómenos como a mobilidade das poboacións e a circulación de ideas.

Boa parte destes descubrimentos foron posíbeis grazas á "axuda de afeccionados", conta Beatriz Comendador, do grupo de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo e unha das organizadoras do monográfico que ten lugar hoxe ás 16 horas no Consello da Cultura Galega: Paisaxes Tatuadas: a arte esquemática pintada no norte peninsular. A principal motivación a respecto deste evento de divulgación é espertar o interese e a curiosidade da cidadanía polo tema, ademais de permitir a posta en común as investigacións desenvolvidas nos últimos anos. 

Tesouros ocultos

A dificultade para visitar estes complexos responde a diferentes problemáticas. Por unha banda, son "pinturas moi leves e fráxiles, que non é fácil contemplar a simple vista", explica Comendador. Por iso, moitas veces os procesos de musealización e divulgación dependen de tecnoloxía de realidade virtual ou fotografía multiespectral. Ademais, a investigadora fai fincapé na imprescindíbel contextualización para que "a xente os vexa e os entenda", sen a cal corren no risco de seren "banalizados" e sufriren agresións do vandalismo, como aconteceu en Peña Piñera (O Bierzo).

Son "pinturas moi leves e fráxiles, que non é fácil contemplar a simple vista", explica Comendador.

Por outra banda, o difícil acceso aos lugares nos que se sitúan algunhas destas pinturas, como Casaio ou Lobarzán, contribúe a condicionar o seu coñecemento. Así mesmo, moitas veces os chans nos que se atopan teñen ocupacións asociadas e non permiten tampouco a visita masiva, pois podería pór en perigo a información que se agocha no subsolo.

Sen fronteiras administrativas

As convidadas ás xornadas do Consello da Cultura Galega resaltan a vertente transfronteiriza do obxecto de estudo, que debería contemplarse "desde unha achega que non teña en conta as fronteiras administrativas", salienta Comendador, con máis de 50 manifestacións no noroeste peninsular. Nesa liña apuntan especialmente os traballos de Lara Bacelar, investigadora da Universidade de Coimbra, e de Andrea Martins, da Universidade de Lisboa.

"Empregamos o termo de arte de tradición esquemática", comenta Comendador, "para referirnos a figuras esquemáticas, desculpando a redundancia, reducidas á mínima expresión"

Os achados inclúen diversos tipos de composicións, de momentos temporais tamén distintos, mais que se sitúan nun período posglacial, posterior ao Paleolítico. "Empregamos o termo de arte de tradición esquemática", comenta Comendador, "para referirnos a figuras esquemáticas, desculpando a redundancia, reducidas á mínima expresión", por exemplo, de representacións humanas e zoomorfas.

Tamén se teñen detectado motivos soliformes (con forma de sol), cuxo significado non está claro. Ademais, preséntanse os denominados na tradición arqueolóxica como ídolos, que Comendador prefire chamar ideomorfos, por exemplo, con forma ocular que se poden observar en Casaio, seguindo a estela do sur da Península. Aínda que pouco frecuente, no Bierzo aparecen algunhas esferas.

As pinturas son observadas como resultado dun impulso por marcar a paisaxe, elaborando "figuras moi codificadas", cuxos significados son descoñecidos na actualidade. Esas son as tatuaxes que alude o título das xornadas, nas diferentes formas de deixar pegadas no territorio, "fosilizadas, metidas na terra", rastros do que algún día tamén fomos.

Comentarios