JOSÉ MANUEL COSTA, ARQUEÓLOGO de 'ROMAN ARMY'

"Descubrimos en todo o noroeste peninsular 16 novos sitios relacionados co exército romano"

Roman Army é un colectivo científico que está a investigar a presenza militar romana no noroeste da Península. E veñen de estudar dous xacementos "excepcionais" en Verín, un deles descoñecido até o momento. E non esquecen a parte da divulgación, emitindo en directo a través de Facebook algunhas fases dos traballos e integrando aos veciños en todo o proceso. 

outeirodearnas
photo_camera Imaxe da intervención no Outeiro de Arnás (Verín) [Foto: RomanArmy.eu]

- Dicides que os achados revelan a excepcionalidade dos xacementos de Outeiro de Arnás e Alto do Circo en Verín. Por que?
- Son bastante chamativos os dous porque non encaixan co que tiñamos catalogado nesta zona do Alto Támega. Non son semellantes aos castros nin ás fortificacións da época moderna relacionados coa guerra de restauración portuguesa. En principio non tiñamos máis información que esta. Pero cando empezamos a estudalos, a súa configuración, estrutura e ausencia de materiais... levounos a pensar que eran sitios verdadeiramente excepcionais. 

Son bastante chamativos os dous porque non encaixan co que tiñamos catalogado nesta zona do Alto Támega. Non son semellantes aos castros nin ás fortificacións da época moderna.

- No caso de Outeiro de Arnás falades dunha ocupación tipo 'castellum'. Só hai outro en Galiza, non?
- Si, só hai outro, a Recacha, en Navia de Suarna. Foi identificado como un asentamento militar romano. O problema é que son moi pequenos pero son dificilmente confundibles con castros. Son 0,6 hectáreas e teñen unhas defensas que se relacionan co mundo romano porque teñen un parapeto interior e un foxo exterior. E no interior non hai nada, nin vivendas nin estruturas que che permitan falar de algo continuado no tempo. Están localizados en sitios que non son bos para vivir, aínda que se poden ocupar temporalmente. No caso de Outeiro, ubícase nun lugar marxinal que nunca foi cultivado, e cando empezamos a estudalo comprobamos que é un sitio de planta pentagonal, o cal é moi chamativo, e as defensas están compostas por un talude interior bastante monumental. Desde un punto de vista morfolóxico apuntaba ao mundo romano. Non atopamos restos de cerámica, só apareceron pequenas evidencias metálicas, o que indica que foi unha ocupación estacional. Estamos á espera doutras datacións, pero desde o punto de vista científico estamos de acordo en que é un asentamento militar romano. 

- Os resultados son preliminares. Que estudos faltan e cando poderemos coñecelos?
- Agora mesmo estamos xestionando isto, porque este é un proxecto que conta un financiamento pequeno, con colaboracións do Concello de Verín, a USC e o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC. A nosa dispoñibilidade para facer maiores mostreos é moi limitada. Queremos facer datacións de carbono 14 para afinar a cronoloxía. 

Todo axuda a entender a historia da zona, así que estamos satisfeitos nese sentido. 

- É dalgunha época romana concreta?
- Aí é máis difícil. Sería un campamento pequeno, puido albergar 100 ou 200 homes de máximo. E este tipo de despregamento pode ser que responda a un control policial da zona, de apoio á construción dalgunha infraestrutura... Encaixaría posiblemente co comezo da romanización. 

- No caso do Alto do Circo descartades que sexa un castro da Idade do Ferro, tal e como estaba catalogado, e falades dun poboado altomedieval. 
- Cando chegas alí, xa só pola súa simple ubicación non é un castro. Xa estaba catalogado, é un sitio moi recoñecido pola xente da zona, conta con moitas lendas, pero non encaixaba cos castros. É demasiado grande e non é unha boa zona para vivir, non hai fontes preto, é marxinal desde o punto de vista agrícola. Tampouco hai cabanas nin nada. As hipóteses coas que traballamos agora son: que puidese ser un recinto da época tardo-antiga, despois de Roma e antes do feudalismo. Desde o século V ao VIII podería ser. A outra hipótese, a que gaña máis puntos, é que poida ser un recinto do Bronce final, antes dos castros. Pero iso esixiría unha explicación do por que. Pero non hai materiais de ningún tipo. E, por outra banda, é un sitio moi monumental, porque ten dúas liñas defensivas moi marcadas, con pedras de xistro branco. E logo tiña outra liña de defensa, unha estrutura aínda máis visible, un muro de pedra tamén moi monumental. É alucinante. E iso é o que temos. Non hai metais, non hai cerámicas. Temos un xacemento mudo. Así que estamos á espera de datacións. Pero sexa dun momento ou do outro, é a caste de sitios que até o momento non estaban estudados nin comprendidos, e é importante por iso. Todo axuda a entender a historia da zona, así que estamos satisfeitos nese sentido. 

O feito de non ter financiamento permítenos unha liberdade á que non queremos renunciar. E iso permítenos ser molestos e críticos de vez en cando, cousa moi necesaria. 

- Así que a vosa campaña en Verín xa rematou. 
- Si, somos un colectivo de investigación sen grandes recursos orzamentarios. En periodos moi curtos de intervención tratamos estudar a maior parte de sitios posibles e de ir moi ao gran. Entón non nos podemos meter en grandes escavacións en sitios que non tiñamos ben caracterizados. Esta sería unha investigación inicial. Pero simplemente con estas cousas que fixamos; con limpar o sitio, con coidar un pouco e ver o que hai, xa tes moitos datos. E iso é moi interesante. Con moi pouca cousa podes facer moito. E a efectos de conservación do patrimonio, se ti tes os sitios limpos e medianamente sinalizados e coñecidos, a xente vai amosar interese e vai contribuír a protexelos. E iso é algo que nos interesa moito. Aquí atopamos unha grande acollida por parte da xente, amosou moito interese, deunos información que non tiñamos. Ese era tamén o noso obxectivo: levar adiante unha comunicación ampla para poder enganchar á xente e meterlle o becho no corpo. É o mellor xeito de que a xente queira comprender e defender o seu patrimonio. É unha comarca que ten unha longa historia de defensa do patrimonio, como demostraron co tema do castelo de Monterrei. 

- Pero o proxecto Roman Army continúa, non?
- Si, levamos ano e medio traballando, e os resultados a nivel científico foron moi interesantes porque descubrimos en todo o noroeste peninsular 16 novos sitios relacionados co exército romano. Non é o único obxectivo, que xa viches que Alto do Circo non ten que ver con isto. Pero a nivel científico está a ser unha experiencia magnífica. Temos algunha outra cousa aberta en Galiza, norte de Portugal e Castela-León. Nós somos un colectivo de investigadores que temos outros traballos, pero o feito de non ter financiamento permítenos unha liberdade á que non queremos renunciar. E iso permítenos ser molestos e críticos de vez en cando, cousa moi necesaria. 

Comentarios