FíXOSE CON 12 GALARDóNS

“El desconocido”, a fita máis premiada da historia dos Mestre Mateo

Un total de 12 galardóns dos 16 aos que aspiraba. Este foi o balanzo de El desconocido. A película de Daniel de la Torre convértese, así, no filme máis premiado dos Mestre Mateo.

mestre mateo2

A gran triunfadora da noite do audiovisual galego foi a película El desconocido, ao facerse con 12 dos 16 premios aos que aspiraba. Obtivo, entre outros, o premio á mellor longametraxe, á mellor dirección e aos mellores actores (Luis Tosar e Javier Gutiérrez) e actrices (Paula del Río e Elvira Mínguez).

A fita de Vaca Films, que contou coa participación da TVG, tamén conseguiu o mellor premio á montaxe (Jorge Coira) e a mellor son (David Machado, Nacho Arenas e Jaime Fernández). Nestas dúas categorías alzárase con dous Goya.

Aliás, El desconocido acadou o galardón a mellor guión (Alberto Marini), á mellor dirección de produción (Carla Pérez), á mellor música orixinal (Manuel Riveiro) e á mellor dirección de fotografía (Josu Incháustegi).

Mellor serie de ficción: Serramoura

Serramoura volveu erixirse como a mellor serie de ficción, o seu segundo galardón por ano consecutivo, e El método sueco conseguiu o premio a mellor serie web.

Aliás, o premio ao mellor comunicador recaeu en Martín Barreiro, unha das caras máis coñecidas da televisión por ser presentar da información meteorolóxica da TVE.

O galardón ao mellor programa de televisión levouno, por quinta ocasión consecutiva, ZigZag Diario, da TVG.

Lobos Sucios fíxose con dous premios dos catorce á que estaba nomeada. Gañou o de mellor vestiario (Marta Anta) e o de mellor dirección de arte (Antonio Pereira).

A mellor realización recaeu en José Villaverde polo programa Land Rober Tunai Show da TVG, mentres que o mellor videoclip foi para Heredeiros da Crus.

O premio ao mellor documentario levouno Os días afogados, de Amanita Films, unha fita que trata sobre as aldeas desaparecidas baixo a auga dos encoros, e o premio á mellor maquillaxe e perruquería foi para a serie Hospital Real.

Eco, de Xacio Rodríguez Baño, conseguiu o galardón á mellor curta e O terceiro porco, do alumnado de Imaxe e Son da Coruña alzouse co premio á mellor curta animada.

O mellor spot publicitario foi para Imposible sin ti.

Tal e como se anunciara, Xavier Villaverde foi recoñecido co premio Fernando Rey de honra, mentres que o premio especial José Sellier recaeu no colectivo Númax.

A presentadora Marga Pazos apela ao uso idioma

Un dos discursos máis sentidos da noite foi o de Marga Pazos, presentadora da gala xunto co humorista Xosé Antonio Touriñán. A xornalista, que fixo unha férrea defensa do audiovisual do país, serviuse das palabras de Manuel María para reivindicar o uso da lingua galega: “renunciar ao idioma é ser mudo e morrer. Precisamos a lingua se queremos vencer”.

Comentarios